Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chegan a Galicia os dous avións enviados por Francia para a loita contra os incendios

Chegan a Galicia os dous avións enviados por Francia para a loita contra os incendios

As dúas areonaves facilitadas polas autoridades francesas aterraron en Santiago esta mañá

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 14/08/2025 11:01 Última actualización 14/08/2025 12:56

Os dous avións cisterna Canadair enviados por Francia, e que se van incorporar aos labores de extinción dos incendios, chegaron esta mañá a Santiago, onde aterraron na base militar da Lavacolla, para poñerse a disposición do dispositivo de loita contra o lume.

O Ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciaba esta mañá a inminente chegada das aeronaves a Galicia.

"Francia ofreceunos os dous avións Canadair que solicitaramos, son os máis modernos, cunha capacidade de máis de 5.500 litros de auga, e estarán ao dispor da Dirección Xeral de Protección Civil", indicou Marlaska nunha entrevista en TVE recollida por Europa Press.

Respecto á posible petición de máis axuda, explicou que se realiza "unha avaliación constante". "No momento en que prevexamos que van ser necesarios, oxalá non sexa, pero se o fosen, actuaremos como o fixemos ata o de agora, facendo a petición a través de Protección Civil, un mecanismo que reaccionou dunha forma inmediata".

O que descartou ata o momento o ministro foi elevar o nivel de preemerxencia a emerxencia para que o Goberno central asuma o control da situación actualmente en mans das comunidades autónomas.

"No momento actual non nolo expuxemos, pero se unha comunidade autónoma, dentro da súa propia responsabilidade, entende que, pola circunstancia que sexa, non se ve capacitada para a xestión, pode solicitar e debería solicitar ao Goberno a asunción da competencia", argumentou Marlaska.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade