Publicador de contidos

Publicador de contidos

María Barallobre: “Comezas sen coñecer aos clientes e acaban sendo amigos”

María Barallobre: “Comezas sen coñecer aos clientes e acaban sendo amigos”

A propietaria dos restaurantes La Penela é unha das galardoadas coa Medalla Castelao 2026, xunto coa científica Mar Capeáns, o atleta Adrián Ben, o músico Esteban Batallán e a Fundación Andrea

Barallobre pon en valor o potencial dos produtos locais e da gastronomía galega como atractivo turístico

Louba que cada vez sexan máis os que ven na cociña unha saída profesional

 

 

María Barallobre, unha das galardoadas coa Medalla Castelao 2026
G24.gal 28/06/2026 09:25

María Barallobre foi mestra durante case 30 anos. Ata que descubriu a súa verdadeira paixón: a restauración.

"Penso que unha persoa non ten por que ter unha vocación única. Como mestra estiven moi contenta e satisfeita coa miña profesión. Unha vez que probei a cociña descubrín que me gustaba sobre todo o contacto cos clientes. Comezas sen coñecelos e acaban sendo os teus amigos".

No ano 1989 cambiou as aulas polos fogóns e abriu en Coirós o primeiro restaurante La Penela. O éxito levouna a expandirse fóra da comarca.

"Foi unha experiencia que tivo dúas fases. Nun primeiro momento era a xente a que viña comer ao noso restaurante. Logo pensamos que podiamos facer o camiño inverso. É dicir, ir nós á Coruña. Inauguramos un restaurante nun sitio moi bonito, na Praza de María Pita e foi un éxito dende o primeiro momento".

Foi o comezo dunha traxectoria que levou a cociña galega a cidades como Madrid, Barcelona ou París e que deixou patente a súa firme defensa do produto local e da cociña tradicional.

"Nós metémonos na cociña tradicional porque era aquela na que eu tiña máis experiencia. Eu e o meu equipo. Pensamos que nesta zona de Galicia tería máis éxito unha cociña tradicional porque había recordos de casas de comidas moi coñecidas que foron pechando. E a min particularmente a cociña tradicional paréceme moi valiosa e moi importante recordala".

Agora recibe con ilusión a Medalla Castelao. Considera que a distinción recoñece tamén o traballo de todas as persoas que contribúen ao prestixio da gastronomía galega: hosteleiros, agricultores, gandeiros, mariñeiros, produtores.

"É verdade que Galicia ten un atractivo que chama á xente. Ademais do clima, das rías e do fermosa que é, a cociña pode considerarse un activo importantísimo. Os produtos galegos contribúen a esa fama que temos de sitio no que se come ben. Moi ben. Sen dúbida".

Barallobre pide seguir coidando dese patrimonio e destaca o crecente interese das novas xeracións pola profesión:

"Antes non había grandes vocacións vencelladas á cociña. Agora hai moita xente que a contempla como opción de futuro. E iso ten un gran valor".

E ante o eterno debate ao redor da tortilla, o prato con máis sona do seu restaurante, Barallobre teno claro.

"A tortilla ten que ser sen cebola. Cando eu era pequena facíase máis que en Betanzos, en Coirós, onde eu nacín. Despois foi tendo tanto éxito que acabou identificándose con Betanzos. Probablemente sexa o prato con máis éxito do restaurante".


 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar