Marcha para reclamar a apertura da rúa Reina Victoria en Pontevedra
Veciños e empresarios de diversos sectores déronse cita na protesta
O peche da rúa fora executado coa pandemia como xustificación
Centos de veciños e empresarios sumáronse a unha concentración para reclamar a reapertura ao tráfico da rúa Reina Victoria, coma noutras accións anteriores de protesta.
A protesta convocada pola plataforma Por Pontevedra busca denunciar a falta de diálogo do goberno local, e a imposición de medidas como a peatonalización deste tramo de Reina Victoria entre San Roque e Palamios.
Veciños e empresarios de diversos sectores forman parte da plataforma Por Pontevedra e din que esta situación afecta a moitos establecementos e á vida cotiá en xeral. O peche fora executado en setembro do ano pasado coa pandemia como xustificación para facilitar a entrada e saída dun instituto próximo.
A polémica veciñal, empresarial e política chegou ata o pleno da corporación municipal. O pasado mes de outubro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado por colectivos empresariais asegurando que as competencias para regular o tráfico recaen no consistorio.