Veciños de Caldas de Reis quéixanse do novo acceso ao porto de Vilagarcía
Demandan un trazado de menor impacto sobre as parroquias de Caldas de Reis
Aseguran que o investimento, de 70 millóns de euros, reflíctese unicamente nunha ganancia de 30 segundos
O novo proxecto de variante da N-640 para mellorar a conexión de Caldas de Reis co porto de Vilagarcía de Arousa ten indignados aos veciños, os cales encheron de cruces e carteis as zonas afectadas. Esta construción da Variante Oeste simboliza para eles a morte das súas parroquias se o proxecto, unido ao acceso ao porto de Vilagarcía, sae adiante.
Aseguran que "o porto de Vilagarcía ten outras opcións que non afectarían o rural do concello de Caldas de Reis" e recalcan a súa necesidade dunha estrada que realmente lles saque do tráfico de Caldas.
Así, quéixanse de que o acceso ao porto suporá un contratempo, alongando o traxecto entre ambas localidades. "Nós o que non queremos é o acceso o porto, iso e coma unha muralla física que vai partir as aldeas. Un simple desprazamento diario de ir de Caldas a Vilagarcía complícanos moitísimo porque temos case que duplicar o traxecto que facemos normalmente, agora vamos ter q ir polas vías de servizo".
Os residentes falan de fatais consecuencias a nivel social, económico, ecolóxico e patrimonial posto que esta construción "tiraría casas, negocios de sempre, negocios novos; impediría o crecemento do rural, favorecería o illamento, o envellecemento...". Ademais de que "a paisaxe rómpena completamente".
Os cidadáns recriminan que non merece a pena unha inversión de tal magnitude, de 70 millóns de euros para unha ganancia de 30 segundos, por non falar do dano que afirman que lle causará aos veciños.
Pensan que un trazado de menor impacto é posible reafirmando a existencia doutras alternativas que realmente teñan en conta aos residentes.
Os veciños e Caldas de Reis e os de Portas, outro dos concellos afectados, presentaron así milleiros de alegacións ao proxecto. Agora preparan unha manifestación para pedir que o ministerio escoite as súas demandas.