Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marcha nórdica, un deporte para previr e para rehabilitarse do cancro e outras doenzas

Marcha nórdica, un deporte para previr e para rehabilitarse do cancro e outras doenzas

Este domingo celebrouse a segunda proba da Copa Xunta de Galicia e o Open Cidade de Santiago

Moitos dos participantes inícianse neste deporte polos seus beneficios para a saúde

G24.gal 15/06/2025 21:58

A marcha nórdica, un deporte que cada día suma máis afeccionados polos seus beneficios para a saúde, celebrou esta mañá en Santiago a segunda proba da Copa Xunta de Galicia e o Open Cidade de Santiago, con preto de 145 participantes.
Entre os participantes, pacientes oncolóxicos e neurolóxicos que descubriron este deporte como complemento á súa rehabilitación.

Chegada desde Finlandia aló polos anos trinta, a marcha nórdica vai gañando deportistas e afeccionados por ser unha actividade que pode practicar calquera —económica, só require duns bastóns— e que se practica en exteriores e se se quere en compañía.

"É un deporte para todas as idades e condicións físicas, cada quen lévao ao seu estado. Entón aquí o Open é unha oportunidade de que toda a xente poida gozar deste evento. É coñecer a técnica, que a poden facer todos, e a velocidade cada quen leva segundo a súa condición", explica María José Rodríguez, organizadora da competición.

Este domingo a proba de copa requiría facer 11 quilómetros, para os máis avanzados. Para os que están iniciándose, os do Open, fixeron 5 e medio. En todo caso, para a maioría o máis relevante non é a competición, senón os beneficios na saúde. É case unha prescrición médica para moitos doentes.

"Entendín que a marcha nórdica era moi beneficiosa nos cancros hormonais: o de mama, o xinecolóxico, o de próstata, porque move moi ben o aparato circulatorio e o linfático. Tamén é unha gran rehabilitadora cardíaca", asegura Benigna Castro Calvo, que competiu na proba da Copa. 

É un exercicio de forza e resistencia e traballa o equilibrio e a coordinación. Estímase que fai mover o 90% dos nosos músculos.

"Nos cancros non vale con facer exercicio de camiñar. Para corrixir o cansazo temos que non estar quietos. Debemos movernos facendo exercicios de forza e resistencia. Andar está moi ben, saír á rúa e socializar tamén e na marcha nórdica pasámolo estupendamente", di Benigna.

De aí que cada vez haxa máis participantes nas marchas, de todas as idades, pero moitos empezaron xa chegada a xubilación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade