A nova borrasca entra en Galicia con risco de desbordamento en doce ríos
A xornada deixa refachos de 146 km/h e acumulacións de 53 litros por metro cadrado
Continúa o temporal no mar con avisos por ondas de ata seis metros
A cota de neve baixa pola noite na montaña de Lugo e Ourense
O tren de borrascas sobre Galicia non para. Leonardo, que deixou ventos fortes e chuvias intensas esta semana, pásalle o testemuño a Marta, un novo temporal que trae máis precipitacións, fortes ventos e neve nas zonas altas.
Ademais, as autoridades seguen de preto a evolución do caudal dunha ducia de ríos que poden experimentar subas pronunciadas e desbordamentos puntuais.
Segundo os datos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), continúa en nivel vermello o río Miño ao seu paso polo concello da Peroxa, co punto de control nos 5,97 metros e con tendencia estable.
Tamén acadou o nivel vermello o Sar ao seu paso por Bertamiráns (Ames) ás 19:00 horas. Augas de Galicia asegura que ao rexistrar un nivel alto, "a evolución fai previsible situacións significativas de enchente".
De acordo coa última actualización da Axencia Galega de Emerxencias, outros dez ríos seguen baixo vixilancia no marco do plan especial ante o risco de inundacións (Inungal), activado desde o 20 de xaneiro en fase de preemerxencia.
Control dos ríos
Na provincia da Coruña a Dirección Xeral de Emerxencias está a facer seguimento do Mero (Cambre), o Barcés (Abegondo), o Sar (Ames) e o Tambre (Oroso).
Na provincia de Pontevedra controla o Lérez (Pontevedra), o Miñor (Gondomar), o Cabeiro (Redondela), o Baltar (Sanxenxo) e o Miño ao seu paso por Salvaterra.
Na provincia de Ourense vixía o Támega (Oímbra), o Miño (A Peroxa e Ourense), o Avia (Ribadavia) e o Limia (Bande).
Avisos en Galicia
Galicia amenceu este sábado con aviso laranxa por ondas de máis de seis metros no litoral, sobre todo nas Rías Baixas e na Costa da Morte. Segundo informa MeteoGalicia, a situación vai continuar en nivel amarelo ata a madrugada.
Durante a xornada, o temporal deixou refachos de 146 quilómetros por hora en Manzaneda e acumulacións de auga de máis de 53 litros por metro cadrado en Ribadumia.
Tamén se rexistraron ventos de 100 km/h en Malpica de Bergantiños e de 95,2 en Oia. Respecto ás choivas, en Poio alcanzaron os 44,3 litros por metros cadrado e en Meis os 42,6.
A cota de neve, situada nos 1200 metros, baixará pola noite. De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou un aviso amarelo nas montañas de Lugo e Ourense por acumulacións de 10 centímetros en 24 horas a partir dos 900 metros.