Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor, tras un maio moi cálido con 10 días de altas temperaturas
Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor, tras un maio moi cálido con 10 días de altas temperaturas
O obxectivo é mellorar as predicións e protexer a poboación fronte aos efectos das altas temperaturas
A temperatura media foi de 16,1 graos, o que supón 1,7 graos máis que o valor habitual nesta época do ano
A Xunta activou o sistema de alerta temperá de detección para anticipar riscos ante o inicio do verán climatolóxico este 1 de xuño e a posibilidade de que se rexistren episodios de calor.
O obxectivo é mellorar as predicións e protexer a poboación fronte aos efectos das altas temperaturas, segundo destacaron a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada.
En conferencia de prensa, Taboada presentou o balance do mes de maio, que foi moi cálido en Galicia, cun episodio extraordinario de altas temperaturas que durou máis de 10 días.
A temperatura media foi de 16,1 graos, o que supón 1,7 graos máis que o valor habitual nesta época do ano, apunta a consellería. Nos últimos 10 días do mes, a cidade de Ourense só baixou unha xornada dos 30 graos.
Con todo, foi un mes moi variable no que respecta ás temperaturas porque ata o día 19 foron, en xeral, baixas, mesmo con episodios de neve na provincia de Lugo. En canto ás precipitacións, foi normal, cun valor medio de 90 litros por metro cadrado.
Na comparecencia, os responsables púbicos reivindicaron a capacidade de transformar información científica en acción "útil" para mellorar a capacidade de resposta das autoridades sanitarias e de emerxencias e garantizra unha mellor protección da poboación.
"Queremos unha Galicia preparada", subliñou Ángeles Vázquez.
Pola súa banda, Carmen Durán lembrou as principais recomendacións para protexerse das ondas de calor, como beber máis líquido do habitual, empregar roupa lixeira e de cores claras, evitar actividade física durante as horas centrais do día, consumir comidas lixeiras e procurar lugares frescos.
Como será o verán
En canto ao episodio de altas temperaturas, Juan Taboada indicou que o sistema de aviso por calor "non chegou a saltar". O episodio debeuse a un fenómeno coñecido como 'cúpula de calor', que corresponde coa entrada dunha masa de aire cálido procedente do norte de África que provocou ese ascenso térmico.
E, preguntado por como será este verán, tras as 23 alertas rexistradas o verán pasado -nun caso durou 16 días-, o coordinador de Meteogalicia respondeu que "non se pode precisar máis aló dunha semana-dúas como moito". Por tanto, non se pode nin predicir nin descartar que o número de alertas vaia ser igualmente alto este ano, sinalou.
En todo caso, incidiu en que se está nun contexto de cambio climático e dixo que "seguro que vai haber episodios de calor", aínda que apelou a esperar para ver "de que intensidade e duración".