Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade fixa as temperaturas daniñas para a saúde: de 27,8 na Coruña a 39,2 en Ourense

Sanidade fixa as temperaturas daniñas para a saúde: de 27,8 na Coruña a 39,2 en Ourense

Preséntase o Plan Nacional de Actuacións Preventivas dos Efectos dos Excesos de Temperaturas sobre a Saúde de 2026

Por cada día que hai un episodio de calor extrema, a mortalidade increméntase, de media, en 3 defuncións diarias

Europa Press (Arquivo) Europa Press (Arquivo)
G24.gal 03/06/2026 18:38

O Ministerio de Sanidade actualizou os limiares de temperatura máximos a partir dos cales o exceso de calor dispara o risco para a saúde e a mortalidade asociada, que en Galicia van dos 27,8 graos no noroeste coruñés aos 39,2 en Valdeorras (Ourense).

A ministra de Sanidade, Mónica García, e o responsable de Saúde e Cambio Climático deste departamento, Héctor Tejero, presentaron este mércores o Plan Nacional de Actuacións Preventivas dos Efectos dos Excesos de Temperaturas sobre a Saúde de 2026, que fixou eses novos limiares tras unha revisión exhaustiva das series históricas de mortalidade e calor en España, incorporando novos criterios metodolóxicos.

O plan, que se activou o pasado 14 de maio ata mediados de setembro, aínda que ampliable por 15 días máis, segue dividindo o mapa, como os dous anteriores, en 182 áreas denominadas meteosaúde, que reúnen características similares desde o punto de vista climatolóxico, e a cada unha atribúe unha temperatura máxima a partir da cal se disparan os riscos para a saúde.

Temperaturas adaptadas aos territorios

Por cada grao que a temperatura ambiente supera eses picos, o risco de mortalidade atribuíble ás altas temperaturas medra entre un 9,1 % e un 10,7 %, é dicir, por cada día que hai un episodio de calor extrema, a mortalidade increméntase, de media, en 3 defuncións diarias.

A poboación de cada territorio non está adaptada nin está afeita da mesma forma á calor; por iso, e dada a gran variabilidade da xeografía española, establécense limiares tan dispares, quedando os máis elevados, polo xeral, nas zonas do sur do país.

Aínda que tamén inflúen factores de aclimatación física, tamén o fan os da contorna, e aí é onde entran as desigualdades. "Falar de calor é tamén falar de desigualdades" porque non se afronta da mesma maneira "desde unha vivenda ben illada que desde unha precaria", nin impacta da mesma forma en quen pode modificar os seus horarios que en quen traballa durante horas ao aire libre, resumiu a ministra.

En Galicia hai unha gran variabilidade e os limiares máis altos están nas zonas de Valdeorras (39,2 graos), o sur de Ourense (38,6), o Miño de Ourense (38,3) e o Miño de Pontevedra (38,3).

Pola contra, os máis baixos están no noroeste da Coruña (27,8), A Mariña lucense (28,3), A Montaña de Lugo (30,1) e o interior de Pontevedra (31).

En España, os limiares móvense entre os 25,7 graos do litoral asturiano e guipuscoano e os 41,5 da campiña sevillana.

Catro niveis de risco

As 182 zonas están definidas segundo áreas con climatoloxías similares de Fenómenos Meteorolóxicos Adversos (FMA) establecidas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o que permite que as alertas se axusten á vulnerabilidade específica de cada poboación local.

Os niveis de risco identifícanse por cores: o 0 (Verde), que significa ausencia de risco; o 1 (Amarelo), ou baixo; o 2 (Laranxa), ou medio e, por último, o 3 (Vermello), alto. A cada nivel asócianselle unha serie de actuacións para minimizar eses riscos, tendo en conta ademais a poboación máis vulnerable ao exceso de calor: nenos, maiores (sobre todo a partir dos 75 anos), persoas con enfermidades crónicas e embarazadas.

Sanidade reitera cada ano unha serie de consellos para combater os estragos da calor: beber auga con frecuencia, aínda que non se teña sede, evitando bebidas con cafeína, alcohol ou exceso de azucre; permanecer en lugares frescos ou climatizados e reducir a actividade física nas horas centrais do día, así como manter os medicamentos en lugares frescos para evitar que a calor altere a súa composición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade