Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xornada de néboas nas provincias atlánticas; aviso por calor no interior

Xornada de néboas nas provincias atlánticas; aviso por calor no interior

G24.gal 09/08/2023 12:23

A maior parte das provincias da Coruña e Pontevedra amenceu este mércores co ceo cuberto de nubes e con humidade, un fenómeno coñecido como néboas de advección que é habitual na metade atlántica galega tras varios días consecutivos de anticiclón.

É algo "completamente normal e que pasa todos os veráns", segundo explica María Souto, de Meteogalicia. Ocorre tras xornadas de anticiclón e co ventos do nordés que deixa o ceo limpo de nubes pero que, con todo, provoca un arrefriado da temperatura do mar, sobre todo nas Rías Baixas.

Desta maneira, cando pasados os días o anticiclón se retira e perde o nordés, entra vento desde o oeste que arrastra cara á terra a humidade e o frío que estaba sobre a superficie da auga e se condensa. 

As néboas de advección, explica María Souto, non chegan a Lugo e Ourense, que este mércores continuarán con ceo despexado a pesar de que algún vento do oeste si podería afectar. Por isto mesmo, no interior "vai ir calor, pero non vai subir tanto como onte a temperatura".

A onda de calor deixou o martes en Ourense o valor máis alto do que vai de ano (42,5 graos) nun contexto de alerta laranxa. Este mércores, a previsión é que as temperaturas máximas na cidade das Burgas queden na contorna dos 38, cun aviso de nivel amarelo que tamén afectará o sur da provincia e boa parte da de Lugo (agás na Mariña).

Nas provincias da Coruña e Pontevedra, as néboas poderá ir rompendo cara ao mediodía ou primeira hora da tarde, aínda que continuará a influencia da humidade e este fenómeno repetirase na xornada do xoves.

Así, a calor non golpeará ás cidades do eixe atlántico como o fixo o martes: Ferrol alcanzará os 30 graos e A Coruña, os 28, pero Santiago, Vigo e Pontevedra quedarán na contorna dos 25.

En paralelo, o mapa de risco de incendios forestais que cada día elabora a Consellería do Medio Rural da Xunta advirte de que toda a provincia de Ourense, Lugo (salvo A Mariña) e varias zonas de Pontevedra e A Coruña estarán en nivel extremo.

Ademais, o resto de Galicia estará en risco alto e moi alto, fóra de puntos da Costa da Morte e a península do Barbanza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade