Mañá comeza o 51º Trofeo Conde de Gondomar
O tamén coñecido coma Gran Premio Zelnova Zeltia disputarase do 23 ao 26 de xullo
Foi presentado onte polo Monte Real Club de Iates de Baiona
Mañá, 23 de xullo, dará comezo o Conde de Gondomar, unha das probas máis prestixiosas da vela nacional. Contará coa súa 'etapa raíña' entre Baiona e o Carrumeiro Chico (de case 100 millas), dous recorridos barlovento-sotavento e a tradicional costeira de Volta a Ons.
Na competición repartiranse tres trofeos: o Trofeo Carrumeiro Chico para galardonar aos gañadores da etapa raíña, o Trofeo Erizana para aqueles que non disputen esa rolda, e o Conde de Gondomar que será para o gañador do programa completo. As embarcacións serán de catro tipos: ORC, ORC Extra, J80 e Fígaro.
José Luis Álvarez, presidente do Monte Real Club de Iates, falou na presentación deste Gran Premio Zelnova Zeltia. Destacou o gran valor histórico e deportivo que ten a proba dentro da identidade do club:
“Por aquí pasaron algúns dos mellores navegantes e as embarcacións máis emblemáticas do noso país, escribindo unha historia da que nos sentimos profundamente orgullosos. Pero máis aló dos resultados deportivos, o Conde de Gondomar representa tamén os valores que definen ao Monte Real desde hai máis de sesenta anos: o amor polo mar, o esforzo, a superación, a deportividade e o compromiso coa promoción da vela e da nosa rías”
José Luis Álvarez na presentación
Xunto ao presidente do Monte Real Club de Iates estaban:, Ignacio Sánchez Otaegui, comodoro do Club, Juan Carlos Ameneiro e Pedro González, conselleiro delegado e director xeral de Zelnova Zeltia, Germán Arteta, director da Fundación Celta de VIgo, e Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona.
Os horarios de todas as tandas e eventos, incluindo a cena benéfica da Fundación Celta de Vigo a prol do Celta Integra, están dispoñibles na web do MRCYB.