Malvela, as cantareiras que zafaron da traxedia ao baterlles un kamikaze
O condutor do microbús do grupo evitou colidir contra un vehículo que circulaba en sentido contrario na A-6 en Guitiriz
O condutor superaba a taxa de alcol ao volante considerada delito penal
De milagre din que están vivas as cantareiras e o resto do equipo de Malvela que viaxaban no microbús co que bateu un condutor kamikaze onte en Guitiriz. O condutor, un mozo menor de trinta anos, superou a taxa considerada como delito penal de alcol en sangue.
Benvidas.... e ben vivas, porque todas elas coinciden en que volveron nacer. As compoñentes de Malvela reuníronse en casa da súa madriña, Uxía Senlle, e aínda se beliscan pola sorte que tiveron cando un kamikaze se cruzou co microbús en que volvían despois dun concerto en Mondoñedo preto de vinte persoas do equipo. Un mozo entrou na A-6 en sentido contrario á altura de Guitiriz, e só a pericia do condutor evitou unha traxedia. As cantareiras salientan o sangue frío do chófer, Santos, e como elas mesmas mantiveron a serenidade malia que mesmo pensaban que podían morrer.
Tres delas tiveron que ser trasladadas ao Hospital de Lugo polas feridas, pero todas quedaron co susto e mazaduras en todo o corpo. As cantareiras, que levan toda unha vida xuntas, deran un concerto no Festival Breasons en Mondoñedo, que estivo a piques de rematar en traxedia por un condutor que invadiu o carril contrario na autovía do Noroeste a altura de Guitiriz. Un mozo que superou, e moito, a taxa de alcol en sangue considerada delito penal. Agradecidas polo que puido ter sido, as Malvela fan, por enriba de todo, un chamamento á sensatez ao volante.