Malestar na frota artesanal polas cotas diarias de abadexo e raia mosaico
O tope de capturas é de cinco quilos por embarcación ao día
As confrarías prefiren unha cota mensual de cen quilos
Cinco quilos por barco e día, esa é a cantidade máxima de raia mosaico e abadexo que pode pescar a frota galega desde a semana pasada. O peor, din, non é o recorte na cantidade, do 50 % no caso do abadexo, senón que o reconto sexa diario.
"Nunca largas sabendo os quilos que van caer, un día colles vinte e outro ningún. A raia ten maior capacidade de sobrevivir se a devolves ao mar, pero o abadexo unha vez capturado morre. Todo o que collas por riba de cinco quilos temos que tiralo ao mar e vai estar morto, non se aproveita", explica Alejandro Pérez, o patrón maior de Cambados.
As confrarías piden que se xunten os topes diarios nunha cota mensual de cen quilos, para poder dedicarse a outra arte cando cheguen ao máximo. Polo momento, a Secretaría Xeral de Pesca rexeitou a súa proposta.
"Dentro do malo se nos dan opción de xestionalo mensualmente aínda capeamos a borrasca, pero así non hai barco que saia, para pescar cinco quilos non vas ao mar", engade o Patrón maior de Cambados.
Destacan tamén a importancia económica destas dúas especies, que poden supoñer o 20 % da facturación dunha lonxa como a de Cambados.