Malestar entre os viaxeiros dos voos desviados a Santiago polo peche de Peinador
Ata unha hora tiveron que agardar a que os recollera un autobús que os levaba a Vigo
Un recibimento ata con globos que estaba previsto en Vigo, pero uns asturianos decidiron facelo xa en Santiago, cadráballes mellor unha vez que o voo procedente de Tenerife, en que viaxaban os seus amigos, aterraba no Rosalía de Castro.
"Tivemos que rectificar a viaxe e reorganizala para vir a Santiago de Compostela. Vaia, que poderiamos durmir unha hora máis tranquilamente", comenta un dos asturianos
Eles eran os únicos que agardaban na terminal de chegadas. O resto dos familiares e amigos estaban en Vigo. "Teño a miña moza agardando en Vigo, e a saber o que lle queda", apunta un dos viaxeiros dun voo desviado.
O peche de Peinador tirou por terra os plans de moitos viaxeiros. "Teño o coche alí no aeroporto, terei que pagar un pouco máis"; "Xa tiña que estar en Vigo, e vou chegar en 3 horas con sorte"; "Acaba de chamarnos a axencia de alugueiro de coches que se non chegamos nunha hora, perdémolo, pois se non chegamos nunha hora non teremos coche de alugueiro nas vacacións cun bebé", comentaban outros viaxeiros
Pois non chegaron a tempo porque unha hora é o que tardou o autobús que tiña que trasladalos ao aeroporto de Vigo.
"Eu creo que tiveron tempo dabondo para organizalo con antelación e ter aquí un autobús agardando, non que nós teñamos que estar agardando a que chegue o autobús".
Tamén anoxados os que viñan coller o voo a Santiago "Teño unha reunión en Madrid ás tres da tarde, e non vou chegar"; "Perdín o enlace de Madrid a Sevilla e haber si ás dez ou así estou alá, tiña unha reunión hoxe, pois... xa está perdida".