Publicador de contidos

Publicador de contidos

Madrid confirma sete casos de varíola do mono e outros 24 sospeitosos

Madrid confirma sete casos de varíola do mono e outros 24 sospeitosos

Sanidade manda unha alerta ás comunidades trala confirmación de sete casos da varíola do mono

O Centro de Alertas Sanitarias di que estamos no inicio dun gromo, pero en Galicia aínda non se detectou ningún caso

Que é a varíola do mono e que síntomas ten?

G24.gal 19/05/2022 12:04 Última actualización 19/05/2022 15:20

A Comunidad de Madrid confirmou sete casos de varíola do mono e ten outros 24 sospeitosos pendentes da proba que constate esta enfermidade, indicaron fontes da Consellería de Sanidade.

Os casos detectados na rexión madrileña (ningún deles reviste gravidade) están asociados a dous focos principalmente, a vía de transmisión é por contacto moi estreito, e todos os diagnosticados e as sospeitas son homes, segundo explicou conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, en declaracións aos medios de comunicación.

Convencido de que van aparecer máis casos, o conselleiro indicou que o que sorprende da aparición desta enfermidade é a ampla distribución xeográfica (rexistráronse casos no Reino Unido, O Canadá, os Estados Unidos, Portugal e Francia) cando estaba "practicamente erradicada", despois de darse algúns casos nos anos 70 e un gromo en 2003. 

Ruiz Escudero felicitou a Dirección Xeral de Saúde Pública porque desde que se lanzou a alerta por parte do Ministerio de Sanidade en apenas 24 horas detectáronse todos estes casos e fíxose a alerta epidemiolóxica. 

Agora, agregou, priorizarase a vixilancia epidemiolóxica, coas enquisas a todos os pacientes que se contaxiaron, o control dos illamentos e o seguimento da evolución clínica dos pacientes. Os síntomas son febre, calafríos e adenopatías inguinais, pero o que máis complica a enfermidade son as lesións cutáneas que produce na cara e nas mans. 

Ruiz Escudero apuntou que a decisión de administrar a vacina contra a varíola para previr a aparición da enfermidade, no caso de que se poida, debe adoptala a Axencia Española do Medicamento en coordinación coas comunidades autónomas. 

"O grao de preocupación non é como noutras situacións. Dado que a vía de transmisión é contacto moi estreito non pode ter as dimensións da covid porque a covid ten unha transmisión máis fácil aínda que é por vía aérea", resaltou o responsable de Sanidade en Madrid. 

Dende o Centro de Coordinación de Alertas consideran que os casos aparecidos en Madrid son o inicio do segundo gromo da historia fóra de África. Polo propio período de incubación, que son catorce días, é moi probable que se producisen xa máis contaxios.

É unha enfermidade zoonótica, que os roedores africanos transmiten
aos humanos cunha mordedura

Os primeiros casos en Europa confirmáronse no Reino Unido, despois en Portugal e agora en Madrid. O paciente cero do brote, probablemente contaxiado por un animal, aínda non foi localizado.

 "A transmisión aquí deuse entre humanos e o antecedente epidemiolóxico que tiñan as persoas en investigación é que eran homes que tiveron sexo con homes", explica o preventivista Hugo Pérez Freixo.

"Non é unha enfermidade típica humana. É unha enfermidade que ven dos animais aos humanos. Pero unha vez que unha persoa está infectada si a pode transmitir a outra, por vía sexual, ou unha nai ao seu feto", remarca a viróloga da USC, Isabel Bandín.

Ante a sospeita de síntomas compatibles, vexigas e ganglios, as autoridades sanitarias recomendan poñerse en contacto co hospital de referencia.

Estímase que a vacina da varíola, enfermidade erradicada en 1980, protexe un 85% contra ese virus, pero o segmento máis novo da poboación está desprotexido porque a vacina deixou de administrarse hai décadas.

A vacina da varíola pode empregarse como medicamento no período de incubación e afastaría dos pacientes os síntomas máis importantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos