Publicador de contidos

Publicador de contidos

Machado confirma que a xuntanza con Sánchez non era conveniente

Machado confirma que a xuntanza con Sánchez non era conveniente

A líder opositora gaba a Trump e asegura que está a coordinar cos EUA o seu regreso a Caracas

Considera que "a garantía da paz en Venezuela son unhas eleccións limpas e libres"

A nobel da Paz recibe a Medalla de Ouro de Madrid: "Sinto que hoxe comeza o noso retorno"

G24.gal 18/04/2026 12:17 Última actualización 18/04/2026 21:02

María Corina Machado certificou en Madrid o seu desencontro con Pedro Sánchez, gabou a Donald Trump e confirmou que coordina co presidente dos EUA o seu regreso a Venezuela.

Ao comezo dunha conferencia de prensa co gallo da súa visita a España, a premio Nobel da Paz dixo que a única garantía de estabilidade para Venezuela "son unhas eleccións limpas e libres" que permitan avanzar na "transición ordenada" cara á democracia.

"A garantía da estabilidade e da paz en Venezuela son eleccións limpas e libres. Esa é a garantía para que podamos avanzar nunha transición ordenada que permita construír piares sólidos, democráticos, éticos, fraternos, para que poidan volver os millóns de venezolanos forzados a deixar o seu país".

A líder opositora reuniuse durante a súa estancia en Madrid con varios líderes conservadores, pero non con representantes do Goberno español. De feito, confirmou a súa desavinza con Pedro Sánchez e cos líderes progresistas reunidos en Barcelona.

"Os feitos evidenciaron por que a reunión non era conveniente", dixo en alusión ao Cume da Democracia organizado polo Goberno español.

Isabel Díaz Ayuso con María Corina Machado. EFE/Javier Lizón.

Cume da democracia

Con estas palabras respondeu ás preguntas relacionadas coas declaracións sobre a situación de Venezuela que fixeron algúns dos líderes internacionais presentes no foro.

O presidente de Colombia, Gustavo Petro, afirmou que entre o pobo venezolano hai "un gran temor" ao regreso de María Corina Machado, por se decide acometer unha "vendetta política".

Pola súa banda, o dirixente do Brasil Luiz Inácio Lula da Silva e o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, fixeron un chamamento á non inxerencia política en Venezuela.

Machado mantivo un encontro con Alberto Núñez Feijóo (PP) e Santiago Abascal (Vox), pero non tivo ningunha xuntanza cos socialistas.

"A miña presenza en España coincidindo co Foro Progresista non foi intencionada, pero si providencial (...). Hai algúns que se empeñan en dicir que non estamos preparados para a democracia, pero non hai ningún pobo no mundo tan preparado para unhas eleccións libres como Venezuela", sentenciou.

Machado na conferencia de prensa ofrecida en Madrid. EFE/Víctor Lerena

Eloxios a Trump

Un ton moi diferente utilizou para referirse ao presidente dos Estados Unidos que, segundo dixo, é o único líder no mundo "que puxo en risco a vida de cidadáns do seu país pola liberdade de Venezuela".

"Iso é algo que os venezolanos sempre lembraremos e sempre agradeceremos", agregou, en referencia á captura de Nicolás Maduro.

A líder opositora confirmou que está a coordinar con Donald Trump a súa volta a Caracas, consciente de que "implica riscos" pero asegurou que as ameazas non a van frear.

Tamén dixo que a presidenta venezolana, Delcy Rodríguez, representa "o caos, a violencia e o terror", en contraposición ao seu movemento que, asegura, "quere avanzar en paz".

Ata o de agora, as autoridades venezolanas deixaron en segundo plano o tema electoral e dan prioridade á economía. O pasado 2 de marzo, o presidente do Parlamento, Jorge Rodríguez, indicou que non era "perentorio" definir unha data sobre comicios no país.

Medalla de Ouro 

A continuación, Machado reicibiu da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a Medalla de Ouro da rexión e dixo que con esta condecoración sente que comeza o retorno de millóns de compatriotas.

"Para min é unha honra inmensa, en nome de todos os venezolanos, recibir esta medalla de ouro da Comunidad de Madrid, un recoñecemento a cada un dos cidadáns do meu país, dentro e fóra de Venezuela que arriscaron a súa vida pola liberdade", dixo no seu discurso.

A líder opositora subliñou que "a democracia se defende cada día", xunto á filla de Edmundo González, que recolleu a Medalla Internacional da Comunidade -que só se entrega a representantes de países-, en nome do seu pai, que non puido acudir por motivos de saúde.

Ayuso, pola súa banda, asegurou que este era o día "máis feliz" dende que é presidenta, e criticou o "socialismo do século XXI" por estar de "guateque en Barcelona" menres ela condecora a Machado por lembrar "a dignidade dunha nación".

As tres mulleres saíron ao balcón da sede do Goberno rexional para saudar a cidadanía venezolana que agardaba na Porta do Sol de Madrid.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade