A cifra de vítimas mortais sobe a 1.430 en Venezuela
Hai 3.238 persoas feridas e milleiros de desaparecidos
O goberno venezolano distribuíu 2.600 toneladas de alimentos e auga potable
O presidente do Parlamento de Venezuela, Jorge Rodríguez, informou este sábado de que o último balance de vítimas mortais é de 1.430 persoas despois dos dous terremotos rexistrados o mércores.
O número de feridos é de 3.238 e as familias damnificadas chegaría ás 3.142. A ONU xa advertiu que o número de desaparecidos polos sismos podería ascender a 50.000.
"A esta hora estamos contabilizando que 1.430 irmáns e irmás faleceron, lamentablemente perderon a vida" anunciou Jorge Rodríguez nun discurso restransmitido pola canle estatal VTV.
Anunciou tamén que durante estes tres días 73.736 familias, moitas delas do estado da Guaira, ao norte de Caracas, foron atendidas polas autoridades e que máis de 30.000 efectivos, entre militares, policías, rescatistas, persoal sanitario, paramédicos e psicólogos do país están traballando nas zonas afectadas.
Rodríguez insistiu en pedirlle á cidadanía que non viaxe á Guaira de xeito particular para que poida transitar a maquinaria pesada que é necesaria nos labores de desentullo e tamén para poder evacuar os feridos.
Axuda humanitaria
O Goberno de Delcy Rodríguez informou de que durante esta madrugada se distribuíron 2.600 toneladas de alimentos e auga potable na Guaira. A presidenta asegurou que se inclúe proteína entre estes alimentos.
Milleiros de venezolanos participan de forma voluntaria en labores de rescate nas edificacións afectadas e organizaron recollidas de insumos e traslado de doazóns a distintas zonas afectadas.