Lugo rende homenaxe á súa alcaldesa Paula Alvarellos, falecida logo de sufrir un infarto
Minuto de silencio e aplauso en Lugo pola súa falecida alcaldesa, unha muller "irrepetible"
Consternación en Lugo e na clase política: "Rotos de dor" pola morte "dunha compañeira exemplar"
Rubén Arroxo exerce xa de alcalde en espera do pleno para elixir o substituto de Alvarellos
A Praza Maior de Lugo foi escenario este sábado dun emotivo minuto de silencio, seguido dun sonoro e prolongado aplauso, pola súa alcaldesa, Paula Alvarellos, que morreu tras sufrir un infarto, e será lembrada como "unha muller irrepetible e única".
Ana González Abelleira, responsable da agrupación local do PSdeG e concelleira do seu goberno, dixo á prensa que a cidadanía lle debe esta "honra" e expresou o seu agarimo cara á súa familia e amizades.
"E a todo o mundo que hoxe sofre connosco tamén esta dor, porque é indescritible. Foise moi pronto, deixou moito por facer", engadiu Abelleira, para a continuación sinalar que agora, os que quedan, deben "traballar por ela".
Neste emotivo acto, tanto os edís de Paula Alvarellos como os do BNG mostráronse moi afectados. Membros deste bipartito recibiron aos asistentes na casa do concello visiblemente emocionados.
Non faltaron a esta homenaxe nin o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, nin tampouco a vicesecretaria do partido e parlamentaria Lara Méndez, antecesora de Paula Alvarellos na Alcaldía da cidade amurallada.
Tamén acudiron ao mesmo o exministro José Blanco, deputados autonómicos, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé e alcaldes socialistas de toda a provincia.
Polo PP, estiveron senadores e deputados, así como o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; a vicepresidenta primeira do Parlamento e líder dos populares lucenses, Elena Candia, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez.
Ademais, foron, entre outros, o alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela; a rexedora da Coruña, Inés Rey; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, mandos do Exército e da Garda Civil, membros da xudicatura e centos de veciños.
No salón de plenos quedaba instalado tamén a partir das oito da tarde un libro de condolencias no que se están a recoller as "mostras de afecto" da cidadanía e de representantes institucionais. O salón de plenos vai permanecer aberto tamén durante o domingo e o luns de dez a dúas da tarde.

O Concello decretou tres días de loito oficial e as bandeiras ondean a medio mastro. Tamén suspendeu as festas do Entroido e todos os actos oficiais programados polo Concello ata que conclúa o loito.
A cerimonia de despedida da alcaldesa realizarase na máis estrita intimidade por expreso desexo da familia.
Arroxo encárgase da transición
A morte de Alvarellos fixo que o seu tenente de alcalde Rubén Arroxo (BNG) pasase a exercer as funcións de alcalde. Será ata que se celebre un pleno da corporación municipal para elixir o substituto de Paula Alvarellos. Será o Partido Socialista o que teña a palabra final, xa que ten maioría no goberno de coalición. Cando Lara Méndez renunciou á alcaldía para integrarse na candidatura do PSdeG ás eleccións autonómicas, o concelleiro Miguel Fernández non ocultou a súa intención de ser o sucesor, pero finalmente a elixida para o cargo foi Alvarellos.