Lugo, a cidade galega onde máis se paga por aparcar por horas no centro
A tarifa por hora supera os 2 euros, unha cifra que non se supera no resto da cidades galegas. Onde menos se paga é en Pontevedra.
Se o estacionamento é por día, Lugo é a máis barata, o prezo por este servizo roza os 6 euros, fronte aos máis de dez do resto das urbes
Aparcar no centro das cidades sempre é complicado e non queda outra que pagar. Na maioría as tarifas por hora non supera os 2 euros. A excepción é Lugo. Estacionar nun aparcadoiro do centro histórico custa 2,12. "Iso é moitísimo", di un usuario, outra engade: "Isto é Lugo, eh".
Uns prezos que tampouco gustan aos comerciantes, que din que disuaden os seus clientes. "O que é preocupante é que o concello acaba de subir as tarifas un dez por cento, é un abuso de suba que o que fai é disuadir a xente para que veña ao centro", é a queixa do presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros Lugo Monumental, Luis Latorre.
A outra cara da moeda está en Pontevedra. É onde menos pagan por aparcar no centro. "Un euro e pouco", asegura un usuario, outra sinala "Neste aparcadoiro a hora é a 1,25, noutros está máis cara".
O prezo por hora oscila entre o 1,20 e o 1,60, para algúns usuarios incluso se podería mellorar. "Por dous minutos paguei 30 céntimos é mellorable", di un usuario. A outra incluso lle parece que "non son tan baratos".
A cousa cambia por estacionar por día. De novo Lugo está á cabeza, pero neste caso por ser a máis barata. O prezo medio por este servizo rolda os 6 euros, no resto das cidades supera os 10 euros.