Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cursos de condución segura para reducir a sinistralidade dos motoristas

Cursos de condución segura para reducir a sinistralidade dos motoristas

Arrinca en Curtis a primeira tanda de cursos de condución segura para motoristas dentro do programa "Visión Cero"

Unha de cada catro vítimas por accidentes de tráfico son motoristas

En setembro haberá unha nova convocatoria de prazas para participar nestes cursos

G24.gal 24/05/2025 14:54

Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, o ano pasado falecían en Galicia 22 motoristas en traxectos interurbanos, cifra que non deixa de medrar dende 2020. Para inverter a tendencia, esta mañá arrincaba en Teixeiro, Curtis, a primeira quenda de cursos subvencionados de condución segura, no que participarán esta fin de semana 44 condutores.

"A moto é moi diferente ao coche. O coche frea moito máis doado que coa moto. Na moto tes que aprender a manexar e na autoescola non cho ensinan", asegura Manuel Santos, un dos participantes no curso.

Nas clases os participantes aprenden a frear e virar nas curvas correctamente, ademais de facerse visibles ao resto dous usuarios da vía.

"Trátase que poñan en práctica unha condución segura, a importancia do equipamento, un bo mantemento da moto e, sobre todo, que as estradas non son circuítos", relata Isidro Vázquez, coordinador do curso de condución segura.

Os cursos enmárcanse dentro do Plan de Seguridade Viaria da Xunta "Visión Cero" que pretende reducir os sinistros mortais nestes vehículos tan vulnerables e incrementar a seguridade.

"Temos un firme compromiso co obxectivo Visión Cero, que é acadar cero vítimas de accidentes de tráfico no ano 2050. Dentro do noso orzamento temos unha partida que incrementamos nun trinta por cento en materia de seguridade viaria para acadar os 68 millóns de euros e unha desas actuacións ten que ser esta formación", declara a conselleira de Vivenda, María M. Allegue.

Estes cursos, que son de libre acceso aínda que con prazas limitadas continuarán, nas vindeiras semanas en Pontevedra e Ourense.  En setembro haberá unha nova convocatoria de participantes.

 

 

 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade