Publicador de contidos

Publicador de contidos

Faise pasar por cliente nunha xoiería da Coruña e foxe con varias cadeas de ouro que lle amosaban

Faise pasar por cliente nunha xoiería da Coruña e foxe con varias cadeas de ouro que lle amosaban

O home, que ía vestido de muller, levou a manta coa mercadoría que despregaran no mostrador

A xoiería está no centro da cidade, na rúa Panadeiras A xoiería está no centro da cidade, na rúa Panadeiras
G24.gal 09/01/2026 14:37

A Policía Nacional investiga o furto de varias pezas de ouro nunha xoiería da Coruña. O presunto caco seguiu un modus operandi bastante habitual: entrou no comercio facéndose pasar por cliente e pediu que lle ensinaran cadeas de ouro. Cando a propietaria despregou a manta coa mercadoría no mostrador, deu un tirón e fuxiu con ela. 

Menos habitual é que dera o golpe vestido de muller. Segundo relatou a propietaria da xoiería, levaba moita maquillaxe, lentes grandes de sol e un pano no pelo. Xa estivera o día anterior no establecemento, interesándose por distintos artigos. As cámaras de seguridade gravárono as dúas veces que entrou. 

A Policía Nacional investiga os feitos. En principio non hai máis testemuñas que a vítima: todo sucedeu contra as 20:30 horas, cando a maioría dos comercios da rúa xa estaban pechados. Os poucos veciños que se decataron fixérono alertados polos berros da muller, pedindo auxilio tras o atraco. 

Segundo a propietaria da xoiería, foi un golpe rápido e -por sorte- sen violencia. Aínda está pendente de formalizar denuncia polos feitos, investigados como un delito de furto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade