A Policía Local de Brión busca o propietario dunhas galiñas roubadas
As cinco aves apareceron no interior dun vehículo que fora subtraído
Se a algún veciño da comarca da Maía lle faltan cinco galiñas, igual non as comeu un raposo e debería pasar polas dependencias da Policía Local de Brión.
"Eu non son, seguro, vaia", apunta un señor.
E é que desde hai uns días está colgado un anuncio nunha das súas redes sociais. Buscan o propietario dunhas galiñas que apareceron no interior dun coche roubado.
"E sabe Deus ao mellor de onde viña o coche". "Pois a ver se teñen sorte as galiñas e atopan o dono". "Que mas traian a min para a casa, que non teño ningunha", comentan varios veciños.
As galiñas están ben protexidas nalgún lugar habilitado pola Policía Local, mentres non aparecen os propietarios.
"Non sei que van facer con elas, levaranas para a súa casa e póñenlle os ovos para eles".
A noticia correu como a pólvora e está sendo motivo de moita mofa.
"Eu boteille unha risada porque, claro, é para rir". "Deume un pouco a risa, pero eu que sei". "Se tivesen matrícula coma os coches xa verías como aparecía o dono". "Tamén é certo que os ovos van moi caros e tamén entendo que alguén pense que roubar galiñas pode ser un negocio bastante rendible".
Fóra bromas, o certo é que nas últimas semanas producíronse roubos pola zona que teñen en alerta os veciños.
"Isto estase poñendo moi mal, as cousas como son, estase poñendo moi mal porque están entrando en todos os sitios porque hoxe en día válelle todo, non é soamente as galiñas é que lles serve todo, porque aquí xa entraron en dúas casas", conclúe unha muller.