Loquillo, Luz Casal, Burning e The Rapants protagonizan o cartel do festival ourensán Ou Yeah!
Consolida o seu formato expandido, repartindo as súas principais citas en diferentes datas entre xuño e otubro e enclaves emblemáticos para activar o territorio
Xunta
O Festival Ou Yeah! desvelou este mércores a programación musical completa da súa segunda edición, un cartel encabezado por Loquillo, Luz Casal, Burning e The Rapants, que converterá á provincia de Ourense en "un escenario vivo e un destino cultural de referencia", como propoñen os seus organizadores.
O festival Ou Yeah!, organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño; consolida este ano o seu formato expandido, repartindo as súas principais citas en diferentes datas e enclaves emblemáticos para activar o territorio.
En concreto, o 6 de xuño, Expourense acollerá a gran cita inaugural coa participación de Loquillo, Kitty, Daisy & Lewis e os galegos The Rapants.
O 31 de xullo, a praza da Veracruz do Carballiño acollerá o concerto da banda Burning, que será gratuíto, mentres que o 4 de outubro, o Pazo dos Deportes Paco Paz poñeralle o ramo ao festival co primeiro concerto de Luz Casal en Ourense desde 2019.
Durante a presentación do cartel, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou o carácter singular desta iniciativa cultural, "arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo".
"A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro", sinalou.
Pola súa banda, Marcos Vázquez, director da área de Cultura e Deportes da Deputación de Ourense, destacou que para esta institución é prioritario apoiar iniciativas que faciliten "o desfrute que Ourense ofrece", co obxectivo de "exportar a imaxe da provincia ao exterior e, ao mesmo tempo, garantir que sexan os propios veciños quen comparta e vivan este potencial".