Loito no baloncesto galego coa morte de Maite Méndez, adestradora do Arxil
No equipo pontevedrés foi a alma a carón do seu home, Lino Vázquez, e Milagros Sanmartín
O Arxil naceu con eles hai 40 anos
O deporte pontevedrés perdeu este martes un dos seus referentes, Maite Méndez, adestradora do Club Baloncesto Arxil.
Desde a entidade pontevedresa confirmaron o falecemento da que foi preparadora do primeiro equipo pontevedrés as últimas 24 tempadas, ademais dunha das alma máter da entidade.
A noticia caeu como un duro golpe na familia arxilista, que esta mesma semana debía afrontar a fase de ascenso á Liga Feminina Challenge.
No equipo pontevedrés foi a alma a carón do seu home, Lino Vázquez, e Milagros Sanmartín. O Arxil naceu con eles hai 40 anos. Corenta anos ligados a esta entidade. Maite Méndez sufriu unha indisposición a noite pasada e faleceu esta mañá no Hospital de Montecelo.
De feito o primeiro partido do equipo no citado play-off está previsto para este xoves 25 ás 18.15 horas en Zaragoza fronte ao Mipelletymas BF León.
O funeral na súa memoria celebrarase este mércores 24 de abril ás 17:30 horas da tarde na igrexa pontevedresa de San Bartolomé.
As mostras de condolencia e agarimo cara ao Arxil e a familia de Maite Méndez non tardaron en chegar desde diferentes clubs e personalidades da Boa Vila.