As florarías e os viveiros non dan avío tras un duro inverno de temporais
Aumentan as cifras de venda porque o estado dos xardíns é desastroso
Os trens de borrascas e o frío estragaron boa parte das plantas de exterior
Nada máis deixar de chover e asomar o sol, as florarías pero, sobre todo, os viveiros entran na súa tempada alta. Este sábado, moitos galegos e galegas tiveron como plan mercar plantas de exterior para empezar a arranxar uns xardíns moi estragados polo mal tempo.
Non hai xardín que resista, xa non fermoso senón simplemente vivo, a un outono e inverno como os que acabamos de pasar, con moito frío e con moitas borrascas.
Cada ano, por estas datas de abril, a xente actívase niso de renovar as plantas de exterior. E esa tendencia nótase en viveiros coma o de Mos, Adoa, que leva xa tres fins de semana nos que non dan feito.
Este foron moitos os que se achegaron en familia para deseñar o seu novo xardín. Á hora de mercar, os máis expertos buscan durabilidade, os menos, vistosidade e cor.
A clientela coa que falamos coinciden en que a xardinaría nutre as terrazas, o corpo e a cabeza. O peto non porque o gasto mínimo aquí soe subir dos trinta euros.
Ángela e as súas compañeiras do centro de xardinaría Adoa, entre Vigo e Mos, levan tres sábados con moito traballo. Non é nada novo comprar plantas no comezo da primavera, pero este ano, as cifras de vendas nos viveiros son mellores porque o estado dos xardíns é desastroso.
"É como un raio de esperanza. Ver o raio de sol é ver a esperanza, ver as cores, ver a luz, imos ter con cor a casa... e nós enchémonos non só de cor senón de moitos clientes agardando ter a cor na súa casa. Sobre todo este ano que choveu tanto, hai moitos clientes que veñen e nos din: 'É que me morreu todo, fóiseme aquela planta que levei tan preciosa....' Si, temos moitos cliente que nos falan de como teñen o xardín e que agora o queren poñer bonito", conta Ángela Estrada, que traballa no Centro de Xardinaría Adoa, en Mos.
Porque como di o proverbio, se tes dúas monedas gasta unha en pan e outra nunha flor, o pan darache vida e a flor unha razón para vivir.