Listos os novos hospitais de día e a Unidade de Hospitalización Integral do CHUAC
As novas instalacións abrirán o mes que vén
A ampliación de Urxencias, da UCI e Farmacia, que completan a fase 0 das obras, continúan en marcha
O presidente da Xunta visitou as obras da fase 0 do CHUAC, que xa están a disposición do Sergas: os hospitais de día de oncoloxía, hematoloxía e polivalente e mais a unidade de hospitalización integrada. Están situadas nos andares cuarto e quinto. Continúan traballando no remate da ampliación da unidade de coidados intensivos, urxencias e farmacia. A partir de aí, chegará o resto da ampliación.
"Empeza unha fase fundamental, aquí vaise facer o maior investimento que fixo nunca a Xunta de Galicia. É polo tanto, un investimento con cartos públicos nun hospital, como dicía antes a alcaldesa, de referencia de Galicia en moitísimas especialidades. Un hospital de referencia no seu conxunto que vai ter un antes e un despois clarísimo. Agradézolle moitísimo ao Concello da Coruña esa sensibilidade para darse conta de que isto hai que facelo entre as administracións", di Alfonso Rueda, presidente da Xunta.
A fase 0 do CHUAC custou 19 millóns de euros entre as obras e os equipos para as novas instalacións.