Licitado por 11,2 millóns o primeiro treito da conversión en autovía da estrada entre Brión e Noia
Son case 5 quilómetros entre Brión e Urdilde, que se agarda estean operativos en 2027
Este treito encádrase na primeira fase de conversión en autovía, cun investimento estimado de 29 millóns de euros
A finais deste ano está previsto que comecen as obras para a conversión en autovía da estrada entre Brión e Noia, tamén coñecida como corredor. Nesta estrada circulan diariamente máis de 10.000 vehículos.
Esta conversión en autovía beneficiaría 160.000 persoas, sobre todo as que toman a vía con frecuencia para moverse dende localidades da ría de Muros ata Santiago. O tránsito polo corredor aumenta cada día máis neste tempo.
O primeiro treito que se desdobrará é o que vai de Brión e o enlace de Urdilde, en Rois. Algo menos de 5 km que presentan poucas dificultades técnicas porque xa conta co terreo para construír un cuarto carril.
A Xunta acaba de licitar as obras por algo máis de 11 millóns de euros.
"Ampliamos o prazo de presentación de ofertas ata o 12 de setembro para que o mes de agosto non pille por sorpresa os contratistas, e atendendo tamén a demanda do sector da construción de ampliar eses prazos, toda vez que se está licitando moita obra pública", dixo a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Segundo os prazos marcados, as obras comezarían este ano e rematarían en 2027.
A conversión en autovía busca tamén reducir a sinistralidade nesta vía, na que nos últimos anos se levan rexistrado accidentes importantes.