Aprobada a declaración ambiental para converter en autovía outro tramo do corredor Lugo-Monforte
Dese modo a cidade de Lugo quedará conectada por autovía coa localidade de Sarria

A Xunta acaba de emitir a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable relativa á conversión en autovía doutro tramo do corredor Lugo-Monforte, en concreto o tramo Nadela-A Pobra de San Xiao, ao seu paso polos concellos do Corgo, Lugo e O Páramo.
Esta autorización ambiental queda supeditada, en todo caso, “a que se cumpran os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor”, subliña a Xunta de Galicia nun comunicado.
Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, este tramo, o último pendente para completar o desdobramento do corredor que conecta a cidade de Lugo e Sarria, “é ambientalmente viable”.
Os organismos consultados consideran que o proxecto “non vai ter impactos significativos nos distintos campos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes”, engade.
A primeira fase dos traballos de desdobramento do corredor Lugo-Sarria en autovía -un total de 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria- quedou aberta ao tráfico en novembro do ano 2022.
Coa emisión da presente declaración de impacto ambiental, a Axencia Galega de Infraestruturas está en disposición de continuar coa tramitación da segunda e última fase do corredor, un desdobramento de 13,5 quilómetros entre Nadela e A Pobra de San Xiao-Láncara, que terá un custo estimado de 34,7 millóns.
Dese modo a cidade de Lugo quedará conectada por autovía coa localidade de Sarria.