O PP, ante a terceira denuncia de acoso laboral contra Inés Rey: "Non son casos illados"
A Executiva do PSdeG celebra esta tarde unha xuntanza, pero non se agardan valoracións da situación na Coruña
O portavoz do PP coruñés, Miguel Lorenzo, lamentou que haxa unha terceira denuncia por acoso laboral contra a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que se suma ás outras dúas contra a rexedora e o concelleiro José Manuel Lage. "Non son casos illados", manifestou.
Nunha conferencia de prensa este luns, o popular asegurou que os feitos denunciados por unha funcionaria a través da canle interna do PSOE teñen "o respaldo de varias testemuñas".
"A teoría da alcaldesa de vinganza por non ir nas listas de 2023 cae ao denunciar agora unha persoa do seu actual equipo. Tamén confirma que non son casos illados e puntuais, senón un patrón de conduta continuado no tempo", expresou, facendo referencia ás denuncias presentadas previamente polas exconcelleiras Eva Martínez Acón e Esther Fontán.
Sobre estas dúas denuncias, Rey dixo que era un "axuste de contas".
Ante isto, Lorenzo pediu a semana pasada a "dimisión" de Rey e Lage, pero agora entende que "a súa dimisión faise máis necesaria que nunca".
"Estamos a falar de, polo momento, tres denuncias e a última dunha persoa do seu actual equipo de goberno", detallou, á vez que asegurou que "non son malos modos, senón un patrón de acoso que foi institucionalizado".
O portavoz do PP pregúntase, ademais, se o BNG "vai mirar para outro lado".
Executiva do PSdeG
No PSdeG, non está previsto que haxa declaracións ao remate da executiva desta tarde. As críticas de moitos militantes non se corresponden coa postura dos cargos do partido.
Ás denuncias contra José Tomé seguiron despois o caso de Barbadás e agora as denuncias de acoso laboral contra a alcaldesa da Coruña. Logo das acusacións de dúas exconcelleiras, o xornal El Debate dá conta dun terceiro caso: unha traballadora do equipo directivo.
Ás críticas á xestión da dirección socialista engádese a última hora Sumar, que pide a dimisión dos que non actuaron inmediatamente.
Mentres, en Monforte o PP denuncia que os concelleiros de goberno seguen no Grupo Socialista. O próximo luns, o Concello de Monforte celebra pleno, e os populares levarán a petición de dimisión de Tomé.