Publicador de contidos

Publicador de contidos

A participación en Castela e León sobe 1,57 puntos ata as seis da tarde

A participación en Castela e León sobe 1,57 puntos ata as seis da tarde

Un 53,19 % do censo, máis dun millón de persoas, votou entre as 9:00 e as 18:00 horas

Os colexios electorais, constituídos sen incidencias salientables, pechan ás 20:00 horas

Nestes comicios autonómicos presentáronse 24 candidaturas, oitos delas nas nove provincias

EFE/Nacho Gallego
G24.gal 15/03/2026 09:04 Última actualización 15/03/2026 19:36

A participación nos comicios autonómicos de Castela e León sobe 1,57 puntos respecto á anterior convocatoria, segundo os datos facilitados pola directora de Relacións Institucionais da Xunta, Ruth Andérez.

Ata as 18:00 horas votaron 1.019.971 persoas, un 53,19 % do censo electoral. Nas eleccións de 2022 depositaran a papeleta nas urnas ata ese momento 998.616 persoas, un 51,62 %.

O aumento de participación prodúcese en todas as provincias excepto en Ávila, onde é 0,12 puntos porcentuais inferior respecto ás últimas eleccións, co 52,46 % dos votos xa nas urnas.

Onde máis aumentou a participación ata este momento é en León, cun incremento de 2,59 puntos, que a deixa no 51,13 %. A continuación sitúanse Zamora, co 51,22 % (+2,35 puntos), e Palencia, co 54,43 % (+2,04).

O incremento foi máis moderado en Segovia, onde sobe 0,66 puntos ata o 53,97%; en Salamanca, con 1,08 puntos máis e co 52,09%; e en Valladolid, onde sobe 1,18 puntos ata o 56,24%.

Por último, na franxa media de incremento de participación sitúanse Soria, cun aumento de 1,98 puntos ata o 53,94 %; e Burgos, cunha suba de 1,43 puntos ata o 52,48 %.

Con estes datos, a provincia coa porcentaxe máis elevada de electores que xa votaron é Valladolid, seguida de Palencia, Segovia e Soria. No outro extremo sitúase León, precisamente onde máis se incrementou ata o de agora respecto a fai catro anos.

Papeletas nun colexio electoral. EUROPA PRESS/Arquivo Papeletas nun colexio electoral. EUROPA PRESS/Arquivo

Principais candidaturas

Trátase dunha comunidade considerada como un referente principal da dereita e centrodereita en España, porque leva gobernada durante 39 anos por presidentes dese signo político.

O candidato do Partido Popular, Alfonso Fernández Mañueco, parte como favorito. As enquisas sitúano a certa distancia da maioría absoluta, pero todo indica que revalidará a presidencia por terceira vez.

O candidato do PSOE, Carlos Martínez, ten detrás catro maiorías absolutas como alcalde de Soria e nesta ocasión os socialistas parecen resistir mellor nas sondaxes a diferenza do sucedido en Estremadura e Aragón.

Este domingo medirase tamén a capacidade de avance de Vox, con Carlos Pollán como cabeza de cartel, nunha comunidade na que este partido viviu varias crises internas e cambios de lideres en poucos anos.

Como cuarta forza perfilase Unión del Pueblo Leonés, representada por Alicia Gallego, con entre 3 e 4 procuradores segundo as enquisas, e teñen opcións claras de conseguir representación Soria Ya e Por Ávila.

As posibilidades son menores para En Común, integrado por Izquierda Unida e Sumar e, sobre todo, para Podemos.

Xente nun colexio electoral de Valladolid. EFE/Nacho Gallego Xente nun colexio electoral de Valladolid. EFE/Nacho Gallego

"Sen incidencias salientables"

Arredor das 9:40 horas quedaron constituídas as 4.470 mesas electorais, o 100 % das dispostas nos 2.910 locais abertos este domingo na comunidade.

Nunha primeira comparecencia, o conselleiro da Presidencia, Luis Miguel González Gago, asegurou que non se rexistraron "incidencias salientables" e valorou a normalidade e a orde no inicio da xornada electoral.

En tres municipios de Burgos e outros tantos de Soria tiveron que se constituír as mesas con persoas doutros municipios porque non había xente suficiente para constituílas.

En concreto, ocorreu en Villamedianilla, Jaramillo Quemado e Tinieblas de la Sierra, en Burgos; e en Soria en Herrera de Soria, Villanueva de Gormaz e Escobosa de Almazán.

Ademais, en Toro (Zamora), ao faltar os primeiros titulares e suplentes nunha das mesas, houbo que constituílas coas primeiras persoas que foron votar.

Os colexios electorais pechan ás 20:00 horas.

EUROPA PRESS/Pablo Requejo EUROPA PRESS/Pablo Requejo

Máis de dous millóns de votantes

Nestes comicios, un total de 2.097.768 electores poden exercer o seu dereito a voto para elixir as persoas que ocuparán os 82 escanos das Cortes autonómicas.

Para iso dispuxéronse 4.470 mesas, máis de 24 millóns de papeletas e rutas de transporte para facilitar o sufraxio nun milleiro de pobos. É a segunda cita autonómica que a comunidade celebra sen outras convocatorias, tras a do 13 de febreiro de 2022.

A cidadanía debe escoller entre 24 candidaturas, aínda que só oito presentaron lista nas nove provincias: PP, PSOE, Vox, Podemos-Alianza Verde, EU-Sumar-Verdes, Escaños en Blanco, Partido Animalista (Pacma) e Se acabó la fiesta.

En xogo están 15 procuradores por Valladolid, 13 por León, 11 por Burgos, 10 por Salamanca, 7 por Zamora, 7 por Ávila, 7 por Palencia, 7 por Segovia, un máis que na actual lexislatura ao aumentar a poboación, e 5 por Soria.

Residentes no estranxeiro

Os 2.097.768 electores chamados ás urnas este domingo son 3.278 máis que fai catro anos, dos que 81.890 votan por primeira vez por cumprir 18 anos.

Un total de 1.917.546 de votantes residen en Castela e León e outros 180.222 no estranxeiro, un 12,5 % máis que nos comicios do 2022.

Por provincias: 136.195 votantes corresponden a Ávila, 299.425 a Burgos, 424.287 a León, 137.353 a Palencia, 303.191 a Salamanca, 120.825 a Segovia, 76.573 a Soria, 437.764 a Valladolid e 162.155 a Zamora. 

Información en tempo real

A aplicación Eleccións CyL 2026, habilitada desde o venres para a súa descarga permitirá seguir en tempo real desde o dispositivo móbil os datos de apertura dos colexios electorais, avances de participación, resultados provisionais de escrutinio e información de utilidade.

Ademais, poderase seguir toda a información electoral ao vivo na web específica eleccciones2026ccyl.es, que tamén será accesible a través da páxina oficial da Xunta, www.jcyl.es.

Nestas web poderanse seguir en directo as conferencias de prensa informativas deste domingo: ás 9:30 horas sobre constitución das mesas, e ás 12:00, 14:30 e 18:30 con datos de participación; cunha final, ao redor das dez da noite sobre o escrutinio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade