Levan 16.000 euros en cartos e xoias dunha vivenda en Boiro
As primeiras hipóteses apuntan a unha banda itinerante especializada
Todo apunta a que foi unha banda organizada a que deu o golpe. O xeito de proceder, a rapidez e o feito que actuaron no pouco tempo cando os moradores estaban fóra da casa é o que indica. O máis seguro é que tiveran estiveran os días previos vixiando o movementos da familia e que aproveitaron unha media hora para desvalixar a vivenda sita en Exipto, na parroquia boirense de Abanqueiro.
Unha banda organizada entrou nunha vivenda para levar uns 6.000 euros e dúas ducias de xoias, cun valor que pode roldar os 9.000 ou 10.000 euros. A Policía Xudicial da Garda Civil de Noia acudiu ao inmoble para buscar as pegadas dos delincuentes. A principal hipótese é que se trata dun grupo itinerante especializado, que entraron dúas persoas e que outra as esperou nun vehículo por se eran descubertos e tiñan que fuxir a toda velocidade. Supostamente xa estudaran os movementos de toda a veciñanza, que nas últimas datas viran coches estraños polo lugar.
Ao parecer, os ladróns chegaron a través do aparcadoiro dun taller lindeiro, saltaron pola horta e forzaron unha xanela para entrar. Estiveron uns 20 minutos dentro, mentres o dono e a súa muller foron ao centro de Boiro a recoller a neta. O tempo deulles para desvalixar catro cuartos deixando todo tirado polo chan.
Entre as xoias roubadas hai pendentes, pulseiras, aneis e varias plumas de gran valor. Os ladróns tamén trataron de levar unhas botellas exclusivas de alcol, aínda que finalmente deixáronas na vivenda, supostamente prevendo a chegada dos propietarios. Os donos tamén atoparon cadros fóra do seu sitio, froito dunha procura dunha caixa forte.
Os cartos que eran para pagar unhas obras na casa xa os dan por perdidos. Non así o resto de obxectos de valor, que esperan poder recuperar.