O Encontro Mundial do Humorismo despídese da Coruña tras once días de gargalladas
Máis de 20.000 persoas asistiron aos espectáculos, que esgotaron as entradas
Durante once días A Coruña celebrou o humor por todo o alto cos espectáculos dalgúns dos mellores cómicos do momento, reunidos na quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo.
A Fantastic Colofón despediu o EMHU a golpe de gargalladas e co teatro cheo. Durante a gala entregáronse, ademais, os premios do festival, que este ano recoñecen os vinte e cinco anos de humor irreverente do mexicano Franco Escamilla e as traxectorias da pioneira Eva Hache e da polifacética Marta González de Vega.
"Recibir un premio na Coruña paréceme unha marabilla, e ademais no EMHU, que é un referente mundial do humor grazas ao meu querídisimo Luis Piedrahita, que é o meu primeiro amigo da profesión. Coñecémonos desde hai vinte e cinco anos. Que un amigo que admiro tanto pensara que o merezo faime infinitamente feliz", di a actriz e guionista.
Durante semana e media pasaron polos distintos escenarios do EMHU grandes do humor como Faemino e Cansado, Henar Álvarez, Carlos Blanco ou Goyo Jiménez. Tamén o director do festival, o coruñés Luis Piedrahita, que presentou na casa o seu último espectáculo, "Apocalípticamente correcto".
"Entendo que para os futbolistas pode ser máis doado porque tes a afección animando, pero cando fas unha propostas artística os que te están vendo son os que máis te coñecen, entón un séntese vulnerable", confesa.
Cun programa de actividades paralelas que incluíu proxeccións, mesas redondas e exposicións, e coas estradas esgotadas en practicamente todos os espectáculos, o EMHU volveu ser o lugar desde o que mirar o mundo a través das imprescindibles lentes do humor.