Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lérez Up 2025, cultura friki e videoxogos en Pontevedra

Lérez Up 2025, cultura friki e videoxogos en Pontevedra

Máis de 3.000 persoas pasaron polo evento na súa primeira xornada

É tamén unha mostra da afección pola cultura coreana e as súas expresións artísticas

G24.gal 14/09/2025 15:46 Última actualización 14/09/2025 17:25

Segunda xornada do Lérez Up 2025, en Pontevedra, un espazo para a cultura friki e para os afeccionados aos videoxogos. Durante toda a fin de semana os asistentes puideron participar en torneos organizados ou xogar libremente na zona de consolas, rodeados de deseñadores gráficos e artistas visuais.

Unha cultura alternativa, que rompe co mainstream na maneira de vivir o seu ocio, de expresarse, de vestir, e de crear comunidade, é o que se pode atopar en Pontevedra esta fin de semana. Neste espazo convive o mundo dixital, dos videoxogos, co presencial. 

"Temos videoxogos, xogos de mesa, cartas, unha morea de artistas, ourives, artesáns que apostan por nós e exhiben os seus produtos. O sábado, na primeira xornada, tivemos máis de 3.000 persoas no evento e é unha alegría e un éxito", asegura Antón Rodríguez, do equipo de organización da Lérez Up.

Hai lugar para todas as persoas, para as que non se afastan do Fornite, ou do Smash Bros e para colectivos que tamén reclaman o seu espazo.

"No caso do Smash eu penso que o éxito é polo propio xogo. Gústalle á xente e queren xogar e competir", di Raúl Solla, organizador do torneo de Smash Bros.

"Hai moitos xogos que amosan a dificultade de ser muller, atopar o teu lugar, con narrativas trans que non están reflectidas no medio máis 'mainstream'. Isto é un foco e permite ese punto de encontro entre os consumidores e os desenvolvedores. E iso dá lugar a poder discutir e compartir información", explica Sara Ballester, da Asociación de Mulleres e Persoas Non Binarias Desenvolvedoras de Videoxogos.

E ao mesmo tempo, as Lolitas amosan o seu saber estar, personaxes manga máis ou menos coñecidos desfilan polos corredores e outros agardan polo concurso de K-pop, un xénero musical que combina música e baile coreano e que cada edición ten máis seguidores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar