Alfredo Conde recolle o XI Premio Alvite e defende os xornalistas como "bastión de liberdade"
O galardoado lembrou a José Luis Alvite como “un dos grandes columnistas españois”
O escritor e articulista ourensán Alfredo Conde Cid recibiu este luns a estatua 'A deusa de Alvite', obra de Acisclo Manzano, que lle acredita como Premio José Luis Alvite 2026 de columnismo e defendeu aos xornalistas por ser un "bastión de liberdade".
Conde enxalzou o traballo dos xornalistas aos que considera “os responsables que lle quedan á nosa sociedade para recibir información contrastada, correctora dos desvíos de opinión inducidos desde os gabinetes de prensa da sociedade, cando non desde os próximos a aqueles que dependen dos órganos de goberno, nas lindes da xustiza ou nos gabinetes do lexislativo”.
Por todo iso, o premiado, que se mostrou moi agradecido por esta distinción e que lembrou a José Luis Alvite como “un dos grandes columnistas españois”, cre que os xornalistas son “o último bastión de defensa da liberdade de pensar e opinar”.
Conde tampouco se esqueceu do traballo dos cámaras e os fotógrafos de prensa, que “nos mostran”, dixo, “a realidade que avala o texto redactado por ese xornalista que a contrasta coa ofrecida por aqueles que ocultan os feitos ou terxivérsanos”.
O encargado de realizar a laudatio de Conde foi o escritor, filólogo e crítico literario Armando Requeixo Cuba, que fixo fincapé na importante produción literaria e xornalística do galardoado, así como nalgúns dos premios máis relevantes dos que foi merecedor. Considera este Alvite como “un acto de xustiza poética”, porque “é poñer en valor o camiño andado e as múltiples contribucións dun intelectual ao que moito lle deben Galicia, a súa cultura e a súa literatura”.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu a Alfredo Conde e á Asociación de Xornalistas de Galicia que escollesen Brión para a entrega do Premio José Luis Alvite. Lago puxo en valor ademais o “galeguismo de proximidade” e o “xornalismo comprometido coa terra” de Alfredo Conde, nuns tempos de globalización.
No evento, que a Asociación de Xornalistas de Galicia fai coincidir cada ano co Día Mundial da Liberdade de Prensa (3 de maio), a presidenta dese colectivo profesional, María Méndez González, reivindicou a liberdade de prensa que, segundo ela, “segue sendo, talvez hoxe máis que nunca, un ben prezado que temos que seguir conquistando día a día, en todas as frontes e ante o enorme ruído que xeran tantos e tantos conflitos no mundo”.