Publicador de contidos

Publicador de contidos

Laxe pide colaboración para atopar vivendas aos veciños desaloxados no incendio do sábado

Laxe pide colaboración para atopar vivendas aos veciños desaloxados no incendio do sábado

Dous feridos e numerosos veciños desaloxados por un incendio que afectou trece vivendas en Laxe

As aseguradoras realizan as primeiras peritaxes e os afectados buscan alternativas ata que se rehabiliten os edificios

G24.gal 04/06/2025 15:17

En Laxe prevese que leve tempo a rehabilitación das vivendas afectadas polo incendio do sábado, e está sendo complicado atopar alternativas para os veciños desaloxados. Ás portas do verán, é difícil atopar vivendas que poidan alugarse para longas estancias.

O incendio afectou tres edificios no centro de Laxe, e agora, despois do susto, toca comezar a avaliar polo miúdo o alcance dos danos. As aseguradoras están facendo as primeiras peritaxes e, polo menos nun dos edificios, contrataron unha avaliación propia.  

"Contratamos un perito privado, por se hai que facer unha contraperitaxe, polo que diga o seguro. Agora mesmo creo que está mirando os pisos todos. Os danos que hai nos pisos e na comunidade", di un veciño afectado.

Os danos son desiguais. Hai 13 vivendas queimadas, pero outras libraron da desfeita máis grave, sobre todo as que non daban a eses patios de luces que fixeron de cheminea. Uns non teñen luz, outros están sen auga, pero xa van regresando pasar aquí o día. 

"Un foi para a casa do pai, outro da irmá... Cada un buscouse a vida. Eu levo dous días durmindo na casa dun rapaz de Madrid que vive aquí. Durmo e xa subo á miña casa. Teño luz, o que non teño é auga", relata outro dos afectados.

Con todo, a volta á casa prevese para longo.

"Os peritos terán que valorar todo un pouco. Teñen que facer un certificado de que a estrutura non sufriu danos. Eu creo que iso é o principal, onde hai que empezar. Despois arranxar zonas comúns e pouco a pouco cada vivenda", di Francisco Charlín, alcalde de Laxe.

Hai 32 vivendas desaloxadas, e está complicado buscar alternativas para substituír as que son residencia principal. O problema, atopar alugueiros a longo prazo, ás portas do verán.

"A xente os seus recursos vainos destinando á vivenda turística. Para unha situación destas é complicado. Se fose nunha época de inverno, eu entendo que non habería problema, pero agora si que hai algo máis de problema para atopar vivenda", engade o alcalde.

Piden colaboración aos que poidan ter unha vivenda baleira, por se puideran ofrecela en alugueiro ás familias damnificadas polo incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade