A Xunta anuncia que reducirá a un mes o prazo de licenzas municipais para vivendas
O Goberno galego ten previsto aprobar un decreto que estará en vigor en "próximas semanas"
A Xunta ten previsto aprobar un decreto que estará en vigor en "próximas semanas" co que se facilitará reducir de tres meses a un mes o prazo para outorgar licenzas municipais para vivenda.
Será a través de atribuír aos certificados das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal a mesma validez que os informes técnicos e xurídicos dos concellos para estas licenzas de vivenda. Así o municipio dispoñerá dun prazo dun mes desde a presentación da solicitude con ese certificado para "resolver a concesión ou non dese título habilitante".
Segundo explicou a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, "é imprescindible axilizar os tempos, reducir burocracia e simplificar a tramitación administrativa", dentro do obxectivo de "aumentar a oferta de vivenda" no mercado para afrontar "o problema estrutural" que existe nesta materia.
O presidente galego, Alfonso Rueda, informou na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, que se solicitou un informe ao Consello Consultivo como paso previo á aprobación deste decreto, que servirá para "reducir tempos e incertezas e complementar o traballo dos concellos sen perder ningunha garantía xurídica e observando todos os requisitos legais".
A conselleira destacou que a reforma normativa faise tras as reunións coa Federación Galega de Municipios e Provincias, os colexios profesionais e os sectores implicados, e que é "unha medida máis no obxectivo común de garantir a todos os galegos vivenda de calidade a prezos alcanzables".