Díez: "Nin fontaneira nin covarde; nin son empregada pública nin teño cargo no PSOE"
Insiste en que non traballa para o PSOE e que investigaba tramas para un libro; confía en que a súa baixa no partido sexa "temporal" e aclara: "Nin me van intimidar nin vou renunciar ás miñas conviccións"
Feijóo cualifica a comparecencia de Leire Díez de "vertedoiro televisado, cutre e sórdido" e o Goberno fala de "guerra sucia"
Yolanda Díaz: "A corrupción e os esperpentos non son compatibles coa democracia e creo que chegou o momento de dar explicacións"
A exmilitante socialista Leire Díez insiste en que non traballa para o PSOE e enmarca as reunións en que aparece xunto ao empresario Javier Pérez Dolset e o avogado Jacobo Teijelo nun traballo de investigación que está realizando como xornalista e que formará parte dun libro. Unha investigación, afirma, que leva a cabo en nome propio.
"Desexo deixar claro que o meu traballo é o meu traballo, e en ningún caso o levei a cabo en nome de ninguén nin en representación de ninguén. E vouno repetir as veces que faga falta. De ninguén nin de representación de ninguén. Nin son empregada pública nin teño ningún cargo no PSOE", afirmou.
A exmilitante socialista afirma que solicitou a súa baixa "temporal" no partido para poder dar explicacións, e recalca: "Nin fontaneira nin covarde; seguirei co meu traballo para culminar o libro defendendo as miñas ideas como cidadá libre. Nin me van intimidar nin vou renunciar ás miñas conviccións".
Así o dixo nunha declaración aos medios de comunicación un día despois de darse de baixa como afiliada do PSOE, tras a súa reunión en Ferraz cos servizos xurídicos do partido, e tras aparecer en diversos audios tratando de intercambiar favores a cambio de información comprometida contra mandos da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil e polo menos un fiscal.
Aldama aparece na comparecencia de Leire Díez: "Mentiu en todo"
Declaracións de Díez nun acto ao que chegou con máis de trinta minutos de antelación e no que irrompeu o empresario Víctor de Aldama, investigado no caso Koldo. Afirma que "mentiu en todo" e dirixiuse aos medios asegurando que Díez é "unha desvergonzada", que "todo isto é unha pantomima" e que está a rir de todo o mundo.
De Aldama, que estaba sentado entre o público asistente á comparecencia, seguiu ata a porta a exmilitante socialista unha vez que esta rematou a súa declaración e ameazouna a ela, a Santos Cerdán e ao presidente do Goberno: "Non sabe o que fixo con vir aquí; van ver esta (Leire Díez), Santos Cerdán e o presidente do Goberno", advertiu.
A comparecencia de Leire Díez provocou numerosas reaccións nas principais forzas políticas.
Yolanda Díaz fala de "esperpento" e di que chegou o momento de dar explicacións"
A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, afirmou que tras o "show" da comparecencia da exmilitante socialista Leire Díez este mércores chegou " o momento" por parte do PSOE de dar "explicacións" sobre o seu comportamento.
"A corrupción e os esperpentos non son compatibles coa democracia e creo que chegou o momento de dar explicacións con moita serenidade e, desde logo, continuar facendo o que cremos que é o que hai que facer no Goberno", manifestou en declaracións aos medios
Feijóo cualifica a comparecencia de Leire Díez de "vertedoiro televisado, cutre e sórdido"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este mércores que a comparecencia da aínda militante socialista Leire Díez, na que irrompeu o comisionista Víctor de Aldama, é mostra da "vertedoiro televisado, cutre e sórdido" ao que España está a afacerse por culpa do Goberno de Pedro Sánchez.
"España non é un vertedoiro televisivo cutre e sórdido como vimos hoxe nunha rolda de prensa en Madrid", afirmou nun acto con afiliados en Melilla, no que declarou que "esta degradación xa é historia na traxectoria política do presidente Sánchez".
Page: "Non é un circo", senón "un drama"
Críticas tamén desde o propio Partido Socialista. O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, afirmou que a comparecencia de Leire Díaz "non é un circo" senón "un drama" para o PSOE.
"O que se montou en Madrid non é un circo; nos circos hai felicidade e hai alegría. É un drama para o Partido Socialista todo o espectáculo que se está ofrecendo e eu creo que hai que poñer pé en parede, con moita rapidez e con rotundidade, porque hai que parar esta hemorraxia", afirmou
Page reclamaba un adianto electoral para evitar que os problemas que afectan ao Goberno de Pedro Sánchez podan provocar un desgaste dos gobernos autonómicos ou municipais do PSOE.
O Goberno pide "serenidade" ante a "guerra sucia" da dereita
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, lanzou este mércores unha mensaxe de "serenidade" e "tranquilidade" ante o que considera unha campaña de "guerra sucia da dereita" contra o Goberno de España.
López enmarcou o ocorrido este mércores nunha "estratexia delimitada por parte da dereita de montar un ruído enxordecedor", ao que prefire non contribuír, porque, ao seu xuízo, "é moi evidente que hai unha campaña de guerra sucia contra o Goberno de España".
Segundo dixo, esta campaña empezou coa "Kitchen", unha suposta trama parapolicial do Goberno do PP para, entre outras cousas, danar a imaxe dos seus rivais políticos.
A reunión que provocou a apertura do expediente
Na gravación publicada o luns 26 de maio por El Confidencial, Díaz aparecía xunto ao empresario Javier Pérez Dolset e o avogado Jacobo Teijelo e ofrecía un acordo coa Fiscalía e a Avogacía do Estado ao empresario Alejandro Hamlyn, que ten causas abertas coa xustiza pola presunta fraude de 154 millóns de euros.
A cambio reclamaba información contra o tenente coronel da Garda Civil Antonio Balas, xefe do Departamento de Delitos Económicos da UCO e responsable das investigacións contra a esposa e o irmán do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Díez, Pérez Dolset e Teijelo tamén se mostraban interesados en datos comprometedores sobre o exmando da UCO Juan Vicente Bonilla, actualmente contratado pola Comunidade de Madrid e do fisal anticorrupción José Grinda.
As dúas partes negan relación
O PSOE e o Goberno desvinculáronse destas actividades desde o principio, negando que Díez traballe a soldo do partido e que estea mandatada para ofrecer ese tipo de acordos e o mércores 28 de maio, tres días despois de que estourara o escándalo, decidiron abrirlle un expediente informativo aínda que sen medidas cautelares.
Ela tamén negou que actuara no nome de Ferraz e defendeu que investiga pola súa conta para publicar un libro xornalístico sobre a fraude de hidrocarburos.
Desde a dirección do PSOE mesmo se referiron a ela como unha "militante de base" para tratar de reducir ao mínimo a súa influencia e lazos coa cúpula, aínda que Díez desempeñou cargos de responsabilidade en empresas públicas desde que Pedro Sánchez está na Moncloa. En 2018 foi responsable de comunicación en Enusa, a empresa nacional do Uranio e entre 2022 e 2024 foi directora de Relacións Institucionais de Correos.
Levou a súa investigación a Ferraz
Este martes pola tarde Díez chegou á sede do PSOE para expoñer a súa versión e trasladar a "complexidade e importancia" da investigación que leva a cabo. "A verdade é só unha e sairá", indicou o venres pasado nun chat que comparte con cargos e militante do PSOE de Cantabria, onde comezou a súa carreira política.
Fontes socialistas sinalan que non lles gusta o que fixo Díez, aínda que estaban dispostos a escoitar a súa versión para incorporala ao expediente e posteriormente a Executiva Federal decidiría se merecía o caso merecía un expediente sancionador ou se pechaba.
Posteriormente, apuntaron que Díez podería acudir á Comisión de Ética e Garantías se o cría oportuno, tendo en conta que é o órgano que vela porque os procesos do partido leven a cabo correctamente.
Con todo, nada disto foi necesario porque Díez pediu a baixa voluntaria do PSOE e, polo tanto, unha vez que esta se faga efectiva, o expediente aberto quedará en suspenso.