Este mércores ponse en marcha unha nova edición dos Bonos Activa Comercio
Os consumidores poderán descargar os bonos por valor de 30 euros para compras no pequeno comercio

O Consello da Xunta aprobou poñer en marcha unha nova edición dos Bonos Activa Comercio, que estarán xa dispoñibles para poder ser empregados a partir deste mércores.
Cada consumidor poderá empregar un bono de desconto de 30 euros para empregar no pequeno comercio de proximidade. A Xunta agarda mobilizar con esta campaña 8,5 millóns, cun investimento por parte da administración de 2,5 millóns.
Os descontos deberán ser empregados no momento de visitar o establecemento, polo que non entran na campaña nin vales nin tarxetas agasallo.
Ademais os bonos estarán activos ata que se esgoten os 2,5 millóns orzamentados, de xeito que aínda que estean descargados xa non se poderán empregar se o crédito total xa se gastou.