Arroupa: case 40 empregos a partir da reutilización de residuos téxtiles
Cáritas presentou este mércores na Coruña a memoria 2024 de Arroupa, unha empresa coa que fomenta a inserción laboral a través da reutilización de residuos téxtiles
No último exercicio Arroupa bateu a súa propia marca, reciclando máis de 1.800 toneladas de roupa

Arroupa-Moda Re, a empresa de inserción impulsada por Cáritas, tratou en 2024 en Galicia un total de 1.837 toneladas de roupa usada e contratou a 39 persoas en situación de vulnerabilidade.
Detallárono este mércores nun acto na Coruña a directora de Cáritas de Santiago, Pilar Farjas, e a xerente, Isabel Fraga, que puxeron o foco no "liderado social e ambiental" desta iniciativa.
O sistema de recuperación de Arroupa inclúe 364 puntos de recollida, con sensores GPS para optimizar o proceso. Estas pezas, explicaron, destínanse a "reutilización nun 50 % a través das tendas solidarias e tamén a doazóns".
Ademais, segundo a memoria de 2024, conseguiuse a reciclaxe do 38 % do material procesado.
Arroupa evitou a emisión de 46.000 toneladas de CO2 e aforrou 6.400 litros de auga.
En canto a doazóns, entregáronse 17.850 pezas a persoas vulnerables.
A empresa de Cáritas, que prevé abrir unha nova tenda en Vilagarcía de Arousa este 2025, proporcionou traballo a 39 persoas que tamén participaron nun programa de formación especializada e recibiron acompañamento profesional.
Seis destes traballadores lograron un emprego estable no mercado ordinario. "É unha aposta pola creación de emprego digno, solvente e competente", manifestou Farjas, que celebrou que Arroupa "bateu récords" durante o ano pasado.