Conciliar a vida laboral e persoal, unha prioridade para as xeracións máis novas
Con 22 anos Roi traballa a tempo parcial nunha empresa de seguridade á vez que prepara oposicións. Á pregunta: que é o que máis valora dun emprego?
"Compaxinar ben o horario laboral coa vida persoal eu penso que para min é unha prioridade bastante grande", responde.
"Para eles agora mesmo é moi difícil mesmo poder ter un coche novo ou poder mercar un piso na maioría de cidades tal e como están. Entón eles din para que me vou esforzar tantísimo a cambio do que me vai vir de volta e trato de equilibrar un pouco máis para poder desfrutar", explica José Antonio Pérez, experto e desenvolvedor de talento.
Catro décadas atrás, a mediados dos anos 80, as prioridades de Óscar foron outras.
"Se querías ter unha parella e buscar estabilidade tiñas que ter un traballo. E logo se querías ter unha vivenda tiñas que buscar un pouquiño esa base sólida", lembra Óscar.
De repartidor a comercial ata acabar no sector da banca como directivo. Recoñece que hai anos as súas preferencias mudaron.
"Se tes 40 anos, dedícaslle tempo e tes esa experiencia ábrenseche outros horizontes, pero tes que estar disposto a queimar máis tempo aínda", engade Óscar.
Renunciou a un ascenso e elixiu conciliar.
O mercado laboral muda converténdose nun desafío tamén para as empresas.
"Na dinámica das empresas custa, penso eu, adaptarse a esta nova xeración e a unha nova forma de comunicar probablemente os seus intereses", apunta o experto José Antonio Pérez. Intereses que pouco teñen que ver cos de xeracións pasadas.