Kuki Salazar chega ao Deportivo para reforzar a dianteira
O atacante xa estivo no banco ante a Balona, pero terá que esperar para estrearse coa branquiazul
Kuki Zalazar foi un das últimas fichaxes do Deportivo cando o mercado tocaba á súa fin. O atacante xa estivo no banco ante a Balona, pero terá que esperar para estrearse coa branquiazul. Iso si, el vese a punto:
"Creo que hai un equipo moi bo e temos gran competencia en ataque. Véxome listo para xogar. Estiven adestrando coa Ponferradina, fixen toda a pretemporada e estou preparado. Se o míster decide que xogue o domingo, dareino todo polo equipo".
Afirma Kuki que os seus contactos co Dépor van máis aló deste verán e está contento de que por fin puidesen concretarse:
"Cando o Depor me chamou, non o dubidei. Quería saír de Ponferrada. Tiña dous anos de contrato e estaba en Segunda, pero tiña poucos minutos. Quería sentirme importante e cando te chama un equipo como o Deportivo é difícil dicirlle que non. É un histórico, club e afección de Primeira, e estou ilusionado. O ano pasado tentámolo, pero ao final fun á Ponfe. Este ano quería estar aquí".
Lembra o que viviu seu pai co Albacete:
"Díxome que lle meteran 5-1 ou 6-1. Di que a afección é unha pasada. Como berra, como aperta... En 2.ª división hai moi poucos equipos con esta afección e con este estadio".