Justus Hollatz estableceu tres marcas persoais ante o Real Madrid
Hollatz tivo un cento por cento de acerto en lanzamentos de tres e de dous, repartiu seis asistencias e só fallou un tiro libre
Foto @CBBreogan
O base alemán Justus Hollatz foi o xogador máis destacado do Río Breogán o pasado sábado no triunfo coral ante o Real Madrid (96-72), unha cita na que estableceu tres marcas persoais na súa primeira tempada na liga Endesa.
O internacional do Breogán, que leva o dorsal 21, do mesmo xeito que os anos que ten (aínda que o próximo día 21 cumprirá 22), completou unha actuación case perfecta na que sumou esa mesma cifra de puntos, 21.
Hollatz tivo un cento por cento de acerto en lanzamentos de tres e de dous (catro en cada caso), repartiu seis asistencias, e só fallou un tiro libre. Os 21 puntos que lle endosou ao Real Madrid son a súa maior anotación na liga Endesa, na que tampouco lograra tantas triplas como ante os brancos (catro) nin unha valoración tan elevada (26).
O xogador do Breogán, ao que lle motivou a presenza do seu irmán na bancada do Pazo dos Deportes de Lugo, promedia 23:07 minutos de xogo nos 26 partidos en que participou; con 7,5 puntos, 2 rebotes, 3,5 asistencias, 1,2 recuperacións e 7,3 de valoración.
Coa súa brillante actuación ante o Real Madrid, as súas porcentaxes de acerto subiron ao 54,7 en tiros de dous e o 28,3 en lanzamentos de tres. O internacional alemán foi incorporado o pasado verán polo Río Breogán e sumouse ao equipo despois do seu bronce no Eurobasket coa selección do seu país, que caeu con España nas semifinais dese torneo no que exerceu de anfitrión.
Polo europeo de baloncesto, Hollatz perdeuse a pretemporada co Breogán, coñeceu aos seus compañeiros de equipo na fase previa da liga de Campións de baloncesto en Belgrado, onde os lucenses caeron na primeira eliminatoria, e nos primeiros partidos en España tivo que compensar o déficit de adestramentos que tiña. O base xermano chegou a Lugo procedente do Hamburgo e no seu país obtivo nas dúas últimas tempadas o recoñecemento como mellor xogador novo da Bundesliga.