Publicador de contidos
Publicador de contidos

Juan Manuel Vieites: "O Goberno debe dialogar cos agricultores e cos camioneiros e promover prezos xustos"

Juan Manuel Vieites: "O Goberno debe dialogar cos agricultores e cos camioneiros e promover prezos xustos"

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia non descarta unha "potencial escaseza  de produtos nos mercados" ante as protestas do sector primario ás que este domingo se suman os camioneiros

G24.gal 11/02/2024 12:58 Última actualización 11/02/2024 13:31

O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, non descarta que as  protestas dos agricultores e  dos camioneiros,  chamados dende hoxe a un paro indefinido, afecten á cadea  de subministración.

Nunha entrevista do Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Vieites sinalou que estas protestas son resultado do  descontento destes dous sectores cos baixos prezos e cos regulamentos aos que están sometidos.

O campo español, afirma, tamén se queixa das  restricións derivadas  da aplicación da Axenda 2030, entre elas, a entrada en vigor dunha nova normativa de nutrición do solo que limita a aplicación de xurros e obriga a facer investimentos inasumibles para moitas granxas familiares que son pequenas". Ademais, engade, o sector agrario protesta polos  novos requirimentos en materia sanitaria que "obrigan  a contar cun veterinario de explotación". A isto hai que engadir,  subliña, as esixencias europeas en materia ambiental que supón a entrada en vigor da nova política agraria común (PAC).

O presidente dos empresarios galegos pídelle ó Goberno central "contundencia e solucións"  e que dialogue con agricultores e transportisas. O Executivo, di, debe  implementar  "políticas que promovan prezos xustos, condicións laborais adecuadas e apoio financeiro". Tamén reclama que garanta a orde pública e minimice o impacto negativo das tractoradas respectando o dereito a manifestarse pacificamente.

"A suba do SMI implicará un aumento dos custos laborais e pode ter impacto na competitividade e na rendibilidade das empresas".

O presidente da patronal galega considera que a última suba do 5 % do salario mínimo interprofesional (SMI) está sendo "dura" para os empresarios.

Juan Manuel Vieites sinala que "implicará un aumento dos custos laborais" e augura que poder ter impacto "na  competitividade e na rendibilidade das empresas".

Vieites fala de "intervencionismo" e critica  que esta nova suba  saíra adiante  sen acordo cos empresarios e que non se indexe ós contratos públicos.

O responsable da patronal galega cre que pode supoñer "perdas e mesmo levar á creba" a moitas empresas que traballan para o sector público, sobre todo, di, pemes, autónomos e comercios. Ademais, avisa de  que moitos  contratos públicos están quedando desertos pola incerteza xerada.

Juan Manuel Vieites sinalou que en ningún outro país europeo o salario mínimo experimentou unha suba do 67,36 % en tan só 9 anos. Unha situación que contrapuxo  a de Portugal onde, "o salario mínimo é un 42% máis baixo ca o noso".

A isto hai que engadir,  subliña Vieites,  a previsión da redución da xornada o que "pode repercutir nos investimentos" e recorda que en 2023 xa se reduciron  un 30%. As empresas, asegura o presidente dos empresarios galegos, prefiren reducir débeda.

Vieites pide que se priorice a negociación colectiva porque "o diálogo social ten que primar sobre o Real Decreto Lei".

Fondos europeos 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia asegura que  España  ten sen executar  tres mil millóns do  Fondo Europeo Agrario de  Desenvolvemento Rural (FEADER)  que caducan este ano. Un problema que, segundo Juan Manuel Vieites, é extensible a outros fondos europeos.

Neste senso, pide axilidade porque "España ten un tapón  de 28 mil millóns de fondos sen executar, o  37 % dos recursos comprometidos".

Para o responsable da patronal galega, a xestión eficaz dos recursos "será imprescindible para desenvolver  o proceso de reindustrialización" en Galicia, e recuperar o peso do sector industrial,  que ten que ser "o motor dun crecemento verde".

Juan Manuel Vietes lembrou que Galicia conta cunha trintena de proxectos industriais en marcha que supoñen investimentos de máis de catro mil millóns de euros e "cuxa execución está pendente da repartición deses fondos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade