Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno eleva a 9 os casos de xabarís con peste porcina no radio do primeiro foco

O Goberno eleva a 9 os casos de xabarís con peste porcina no radio do primeiro foco

Planas di que é probable que a cifra aumente porque hai outros 40 cadáveres pendentes de analizar

Xa son 150 os efectivos da UME que buscan animais mortos e manteñen blindado un perímetro de 6 quilómetros

Imaxe dun posto de desinfección da UMER, polo que teñen que pasar todos os coches nas zonas contaminadas (Efe/Alberto Estévez) Imaxe dun posto de desinfección da UMER, polo que teñen que pasar todos os coches nas zonas contaminadas (Efe/Alberto Estévez)
G24.gal 02/12/2025 17:11

O Goberno elevou a nove o número de xabarís mortos por peste porcina africana (PPA) no radio do primeiro foco, todos no municipio de Cerdanyola do Vallés (Barcelona), segundo un comunicado do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

O ministerio informou doutros sete xabarís mortos, uns casos positivos de PPA que xa se notificaron á Comisión Europea e á Organización Mundial da Sanidade Animal (OMSA), tras ser confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

En canto ás actuacións en granxas de porco, visitáronse as explotacións de gando porcino localizadas na área de 20 quilómetros arredor da zona infectada, sen que se detectase sintomatoloxía nin lesións compatibles en ningunha delas.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, explicou que "están exactamente na mesma zona onde nos atopamos, nese perímetro de 6 quilómetros. Nin cambia o diagnóstico nin cambian os protocolos".

Planas di que é probable que a cifra aumente porque hai outros 40 cadáveres pendentes de analizar. Na zona, xa son 150 os efectivos da UME que buscan animais mortos e manteñen blindado un perímetro de 6 quilómetros.  

Os animais das granxas máis próximas permanecen confinados. Segue sen haber positivos entre eles, pero a tensión é máxima. Os prezos sufriron onte a maior caída en 30 anos.

Os servizos veterinarios oficiais de Cataluña, en colaboración co MAPA, delimitaron esa zona de control e vixilancia de 20 quilómetros, onde se prohibiu a caza para evitar o movemento dos xabarís e reforzáronse as actuacións de procura e trampeo con persoal especificamente formado e coñecedor da zona.

Ademais, están a colaborar membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME), dos Mossos d'Esquadra, da Garda Civil (Seprona) e da Policía Local para vixiar o acceso de persoal non autorizado á zona infectada, incluído o Parque de Collserola, co obxectivo de reforzar a desinfección de vehículos que accedan ao perímetro da área.

"Alto nivel de alerta" nas granxas

Nas granxas porcinas mantense un "alto nivel de alerta" con reforzo de vixilancia pasiva e bioseguridade, tanto en Cataluña como no resto das comunidades autónomas, segundo o ministerio.

A petición do MAPA, un equipo veterinario de Emerxencias da Comisión Europea (CE) formado por expertos epidemiólogos incorporouse aos traballos para avaliar sobre o terreo as medidas despregadas e emitir recomendacións que reforcen as actuacións con vistas a controlar a enfermidade canto antes.

O ministerio lembrou a obrigación de comunicar aos servizos veterinarios das comunidades calquera sospeita que se detecte e a necesidade de extremar as medidas de bioseguridade en todas as explotacións de gando porcino e no transporte.

A peste porcina africana é unha enfermidade que non afecta as persoas, nin por contacto cos animais nin por inxestión de produtos derivados deles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade