Investigado un veciño por un incendio forestal en Sobrado dos Monxes iniciado tras unha queima neglixente
Investigado un veciño por un incendio forestal en Sobrado dos Monxes iniciado tras unha queima neglixente
O home carecía de autorización para esa queima e non adoptara as medidas de seguridade necesarias
Durante a queima, o home ausentouse do lugar para dirixirse á súa vivenda, situada na mesma parcela, e deixou o lume sen supervisión
O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil identificou e investiga un home como presunto autor dun delito de incendio forestal por imprudencia, tras unha queima neglixente de restos de poda.
A investigación iniciouse tras declararse un incendio forestal no municipio coruñés de Sobrado dos Monxes o pasado 19 de marzo. Os axentes pescudaron que a orixe do lume estivera nunha queima de restos de poda e restos forestais procedentes da limpeza de parcelas propiedade do investigado.
O home carecía de autorización para esa queima e non adoptara as medidas de seguridade necesarias. Ademais, durante a queima, o home ausentouse do lugar para dirixirse á súa vivenda, situada na mesma parcela, e deixou o lume sen supervisión. Mentres se atopaba no interior, o lume estendeuse á vexetación circundante afectando a outra parcela lindeira, aínda que non alcanzou gran extensión grazas á rápida intervención dos veciños, que controlaron as chamas ata a chegada dos medios de extinción.