Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal pontevedresa cualifica de moi mala noticia a suba do 4 % nas peaxes

A patronal pontevedresa cualifica de moi mala noticia a suba do 4 % nas peaxes

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, reclama que as autoestradas galegas sexan libres de peaxe, ao considerar que xa foron amortizadas

G24.gal 29/12/2022 09:13

O presidente da patronal pontevedresa, Jorge Cebreiros, considera unha moi mala noticia a suba das peaxes un 4 por cento a partir de xaneiro. Defende que as autoestradas galegas debían ser xa libres de pagamento por estar amortizada a súa construción.

Mentres non o sexan, Cebreiros cre que o Goberno central tería que conxelar o incremento dos prezos: "En realidade é unha suba do 4 % agora, pero un aprazamento do outro 4 ou 5 por cento para ser pagado por todos nós a partir do ano 2024".

Nunha entrevista na Radio Galega, Cebreiros dixo que Galicia segue competindo en inferioridade de condicións cos territorios veciños, tanto de España como do Norte de Portugal, onde teñen vías libres de peaxe, di, ou boas infraestruturas ferroviarias.

O presidente da patronal pontevedresa tamén fixo balance do comportamento do emprego neste ano que remata. Cebreiros considera que foi "positivo" e recoñécelle o mérito á reforma laboral, pero de xeito compartido coas empresas: "Digo eu que as empresas e os seus traballadores algo terán feito ben para que podamos manter un crecemento de máis do 4 por cento do PIB. Non toda a fortaleza do mercado de traballo pode ser atribuíble á reforma laboral".

O empresario tamén expresou as súas dúbidas sobre que pasará co emprego en 2023: "Veremos como se comporta o ano que vén, onde as variables macroeconómicas están adiantado non tanto crecemento nun ámbito dunha inflación relevante".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade