Jon García: "Non imos de tapados e queremos estar arriba dende o comezo"
O central vasco quere ser ambicioso na temporada tras a súa renovación un ano máis no conxunto departamental

Polo Galicia en Goles pasou o defensa bilbaíno Jon García, que seguirá no Rácing de Ferrol un ano máis e que explicou esta decisión.
"Levo dous anos e medio. O ano pasado fixemos moi bo ano. É importante que a columna do equipo quede porque quere dicir que é un proxecto ambicioso e sabemos do que somos quen de facer. Non tivemos presa, desconectei coa miña xente. Agora volvo porque sempre dixen que era a miña primeira opción e estou moi contento e con gañas de repetir o do ano pasado pero con mellor final"
Sobre este curso acabado de finalizar o central vasco lamentou a eliminación nos playoff pero destaca o apoio da afección.
"Non conseguimos o premio gordo. Xerouse ilusión, a xente acompañounos no campo e iso é indicativo que estamos nun club no que a afección sabe que se están facendo as cousas moi ben, que quere optar ao fútbol profesional e é unha base para acadalo. Sempre se nos achacou que non eramos dos grandes da categoría, agora estamos amosando que é así"
E nesta nova temporada, con grupo reconfigurado, Jon García non busca escusas.
"O colectivo é o máis importante porque cando veñen mal dadas é cando temos que ser máis fortes. Nós non imos de tapados, queremos estar arriba dende o comezo. Sobre o grupo, creo que se puideron facer as cousas moito mellor. Non quero entrar porque é cousa da RFEF, pero non é normal que para que uns fagan poucos quilómetros outros teñan que facer moitísimos. Pero non é escusa. É un grupo con moitos históricos e hai que ir pouco a pouco pero con ambición. Calquera equipo pode gañar, xa o vimos este ano"