Publicador de contidos

Publicador de contidos

Jessica Bouzas tentará superar a barreira da terceira rolda en Wimbledon

Jessica Bouzas tentará superar a barreira da terceira rolda en Wimbledon

En tres dos últimos catro Grand Slams conseguiu superar as dúas primeiras roldas

O ano pasado adaptouse moi ben á herba de Wimbledon gañándolle a Voudrousova e Bucsa

G24.gal 30/06/2025 13:05

Jessica Bouzas tentará superar a barreira da terceira rolda dun Grand Slam. Este martes comeza a súa andaina en Wimbledon, a terceira participación da súa carreira. En 2023 superou dun xeito brillante a fase previa e perdeu na primeira eliminatoria. En 2024 accedeu ao cadro definitivo onde gañou os partidos contra Voudrousova e Bucsa antes de caer diante de Krejcikova. Foi a súa primeira aparición estelar nun dos catro grandes. 

Desde entón a tenista de Vilagarcía amosou o seu carácter máis competitivo nas citas importantes. No US Open de 2024 tamén superou dúas eliminatorias para caer na terceira rolda diante de Pegula. E en Rolland Garros de 2025 tamén eliminou a dúas rivais pero atopouse na terceira eliminatoria con Baptiste. Só no Open de Australia perdeu antes, aínda que o fixo na segunda rolda contra a que sería campioa final do torneo, Aryna Sabalenka. 

Está a ser unha gran campaña a de Jessica Bouzas, con mención especial para o seu papel na Billie Jean King na que logrou dúas vitorias decisivas para a selección española. Agora buscará manter o nivel e meterse entre as 50 mellores do mundo. A súa primeira rival en Wimbledon será a xermana Seidel. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade