O Celta comeza o traballo de pretemporada centrado na operación saída
Radu e Jutglá son as dúas novidades no cadro de xogadores
A dirección deportiva traballa arreo para atoparlle saída a xogadores como Unai Núñez, Aidoo, Carles Pérez ou Dotor
O Celta comeza o traballo de pretemporada cun grupo de xogadores moi completo, próximo aos trinta, e coa operación saída como obxectivo prioritario a estas alturas de mercado. A estrutura do equipo está moi definida coas incorporacións do porteiro Radu e do dianteiro Jutglá, as dúas posicións que quería reforzar Claudio de xeito prioritario. Tamén está a novidade do defensa da canteira Manu Fernández, xa con ficha do primeiro equipo, e pezas como Miguel Román que tería ficha do equipo B. En total hai trinta futbolistas chamados a pasar os recoñecementos, coa ausencia de Mingueza que ten unha semana máis de permiso despois de participar na Liga das Nacións coa selección española.
A operación saída é a prioridade nas oficinas da Sede. Unai Núñez, Aidoo, Carles Pérez, Manu Sánchez ou Dotor teñen contrato e non contan para o adestrador. Atopar acomodo non será doado nalgúns casos. Os casos de Cervi ou Ristic tamén están a ser estudados porque os dous rematan contrato en 2026 aínda que a campaña pasada formaron parte do cadro de xogadores -pero con poucos minutos-.
Todo, mesturado coa opción de traer algunha peza máis para esta ilusionante campaña en que o equipo volverá á competición europea. Bryan Zaragoza podería ser o próximo en chegar a Afouteza para integrarse ao traballo, un xogador pretendido en Vigo e do que o Bayern quere desprenderse.