Publicador de contidos

Publicador de contidos

Javier Touza: "O comisario ten unha firme determinación de poñer xa en aplicación o veto"

Javier Touza: "O comisario ten unha firme determinación de poñer xa en aplicación o veto"

Os afectados polo regulamento que veta a pesca de fondo en 87 áreas son pesimistas sobre a posibilidade de que se paralice a súa entrada en vigor

"Estamos a piques de consumar unha traxedia para a pesca galega", di o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo

G24.gal 26/09/2022 11:15

Javier Touza, o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), cre complicado que a Comisión Europea acceda á solicitude española, xunto á Francia e Irlanda, de paralizar o regulamento que veta a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico continental

"Vémolo moi complexo porque o comisario europeo de pesca e a directora da DG Mare teñen unha firme determinación para poñer xa en aplicación vetar as 87 áreas nas que tradicionalmente vimos pescando", aseguraba Touza este luns no informativo Bos días, da Televisión de Galicia.

Os armadores insisten en que ese regulamento foi elaborado sen rigorosidade: "Para nós adoece de varios defectos de forma importantes: en primeiro lugar, non hai un estudo do impacto socioeconómico nas poboacións altamente dependentes da pesca, como Galicia; e en segundo lugar, os informes científicos nos que se basea a Comisión Europea están totalmente desactualizados e fixéronse pensado nos impactos da frota de arrastre de fondo, non no resto como o palangre de fondo, as nasas, a volanta...; e en terceiro, non houbo o máis mínimo contraste ou negociación co sector pesqueiro".

Touza é pesimista sobre o futuro máis próximo para a frota e alerta de que "estamos a piques de consumar unha traxedia para a pesca galega e vai supor un antes e un despois para a nosa actividade".

"Os impactos poden ser moito peores do que estamos a supoñer", asegura o presidente de ARVI. "En primeiro lugar están os directos, a expulsión das áreas de frotas do Gran Sol que tradicionalmente viñan pescando nesas áreas, especialmente de palangre de fondo, os pincheiros da pescada e as volantas".

Pero ademais di que "por efecto rexeitamento vai afectar por concentración en escasas áreas moi reducidas, coa frota de arrastre que ten un importante peso no Gran Sol. Pensemos que só no porto de Vigo temos 35 arrastreiros pescando nesas áreas".

"Se hai que vedar certas áreas, nós vedaremos, pero hai que ter unhas conversas serias", conclúe Javier Touza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade