Bruxelas multa a Google con 890 millóns de euros por infrinxir as normas da competencia
A Comisión Europea acusa a compañía de impedir que os desenvolvedores de aplicacións móbiles informen os usuarios de ofertas máis baratas á marxe de Google Play
Google cuestiona a multa e di que tras ela agóchase "un pequeno grupo de persoas que se queixan por interese propio, prexudicando as empresas e os consumidores europeos"
Arquivo/Alicia Windzio /dpa
A Comisión Europea impuxo este xoves dúas multas a Google por un total de 890 millóns de euros por priorizar os seus propios servizos no motor de procura e por impedir que os desenvolvedores de aplicacións móbiles informen aos usuarios, de forma gratuíta, de ofertas máis baratas á marxe de Google Play.
O Executivo comunitario considera que a compañía infrinxiu a lei de mercados dixitais (DMA), que regula a libre competencia entre as grandes tecnolóxicas na Unión Europea.
Alén da sanción, Bruxelas dá un ultimato a Google. Obrígaa a poñer fin a estas prácticas en 60 días ou, do contrario, a compañía podería ser penalizada con multas periódicas de ata o 5 % da súa facturación anual a nivel global.
Dúas multas por poñer trabas á libre competencia
A primeira das sancións impostas pola UE a Google ascende a 460 millóns de euros por priorizar nos resultados do seu motor de busca os seus propios servizos, como os de compras (Google Shopping), busca de hoteis, transporte e resultados deportivos fronte aos da competencia.
A segunda das sancións é de 430 millóns de euros por poñer restricións aos desenvolvedores de aplicacións móbiles que usan Google Play para que deriven os seus clientes ás súas páxinas webs ou a tendas de aplicacións distintas a Google Play para ofrecerlles servizos máis baratos que os que lles poden conceder a través dos produtos de Google.
A DMA permite a Google cobrar unha taxa aos creadores de aplicacións por cada cliente novo que obteñan a través de Google Play, pero a Comisión Europea considera que a cantidade é demasiado elevada.
A contía de ambas as multas é moi inferior a outras que lle impuxo á compañía, como a de 4.343 millóns de euros en 2018 por abuso de posición dominante a través do seu sistema operativo Android ou a de 2.424 millóns en 2017 por priorizar os seus servizos en Google Shopping.
Google cuestiona as sancións
Google cuestionou a multa por considerar que "a DMA segue prexudicando o funcionamento de produtos cotiáns", segundo dixo Kent Walker, Presidente de Asuntos Globais de Google e Alphabet, nun comunicado.
"Para cumprir coa normativa, vémonos obrigados a eliminar funcións de busca en tempo real que os europeos aprecian, como prezos instantáneos e dispoñibilidade directa de hoteis, voos e restaurantes, e a desmantelar as medidas de seguridade de Google Play", engadiu.
"Isto non é competencia leal, é unha degradación do produto impulsada por un pequeno grupo de persoas que se queixan por interese propio, prexudicando ás empresas e os consumidores europeos. A regulación debería mellorar os produtos, non empeoralos".